Convenio de colaboración entre Museo do Pobo Galego e PuntoGal

Concha Losada, Justo Beramendi, Manuel González, Camilo Barreiro e Darío Janeiro )

No Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade.

O Museo do Pobo Galego e PuntoGal asinaron esta quinta feira un convenio de colaboración polo que o dominio colaborará activamente cos obxectivos do Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade (APOI).

 Este programa ten por obxectivo principal a dixitalización, catalogación e difusión do patrimonio inmaterial galego que o Instituto de Estudos das Identidades do Museo puxo en marcha en abril de 2007. Entre outras accións, o dominio realizará unha achega económica e colaborará na difusión do proxecto.

O APOI é un arquivo público e accesíbel que ofrece gravacións orais e musicais e os datos necesarios para poñelas no seu contexto cultural. Conta con fondos de natureza moi diversa, como relatos, adiviñas, música, poesía ou baile, así como información relacionada musicolóxica, lingüística ou etnográfica.

Igualmente, consta o traballo de campo no que se obtivo cada ficheiro, os datos do informante, o entorno xeográfico e temporal, o uso ou ocasión e os datos do compilador..

O traballo que se realiza no arquivo inclúe o inventario dos soportes físicos, a transcrición, o estudo teórico das pezas, a súa catalogación e difusión. Accesible en liña, os seus contidos son axeitados para o estudo, a investigación da nosa cultura tradicional, a docencia e mesmo o lecer.

Trátase dunha base de datos que recupera e garda a memoria do pasado para convertela nunha ferramenta para o futuro.

O acto de sinatura do convenio tivo lugar en San Domingos de Bonaval, en Santiago de Compostela, coa presenza do presidente de PuntoGal, Manuel González e o presidente do Padroado do Museo do Pobo Galego, Justo Beramendi.