Lugo

Unha fuga de ácido provocou unha nube tóxica no polígono do Ceao

Polígono do Ceao

A rotura dunha tubaxe nunha planta da empresa Leite Río provocou un escape dun tanque de ácido nítrico o que derivou na formación dunha nube tóxica sobre o polígono do Ceao, en Lugo, obrigando a traballadoras e traballadores de varias fábricas a pecharse nos seus postos de traballo.

Unha nube tóxica estendeuse sobre o polígono industrial do Ceao, en Lugo, na tarde desta terza feira 18 de xuño a raíz dunha rotura producida nunha tubaxe dun tanque de ácido nítrico nunha planta de Leite Río. Traballadoras e traballadores das nove naves máis próximas tiveron que ser evacuadas debido á toxicidade, mentres que noutras fábricas operarios e operarias foron confinadas nos seus postos de traballo.

A fuga do tanque de ácido ficou controlada a base de neutralizalo con auga pulverizada, e agárdase realizar o transvase do produto restante.

Os bombeiros informaron ao servizo de emerxencias da Galiza á media tarde, e o 112 puxo en alerta os servizos sanitarios de urxencia, Garda Civil e forzas policiais. A Consellaría do Medio ambiente avalía o índice de calidade do aire e sinalou que até as 20 horas da tarde os valores das estacións de Lugo eran "normais” e argumentaron que as choivas impiden que se estenda a nube.

O servizo de emerxencias de Galiza sinalou que ningunha traballadora nin traballador foi afectado e que non foi preciso adoptar medidas extraordinarias para protexer a poboación.