Controlados os incendios forestais de Moaña e Ponteareas

Veciñanza de Meira, en Moaña, fixo fronte ao lume. (Foto: Europa Press)
A veciñanza participou dos labores de extinción en Moaña.

O incendio que afecta o concello de Ponteareas xa foi dado por controlado, así como o de Moaña, segundo informou a Consellaría de Medio Rural no seu último parte, con datos recollidos até as 8 horas desta cuarta feira.

O primeiro deles, que afecta unha superficie de arredor de 25 hectáreas, orixinouse na parroquia de Guillade e deuse por controlado pasadas as 21 horas da terza feira. Traballan na zona dous técnicos, 16 axentes, 43 brigadas, 29 motobombas, dúas pas, un tractor, seis avións e nove helicópteros.

Pola súa parte, o fogo de Moaña, iniciado na parroquia de Meira, deuse por controlado na terza contra as 17.30 horas. Cunha afectación aproximada de 20 hectáreas, traballan na zona 14 axentes, 33 brigadas, 30 motobombas, oito avións e cinco helicópteros.

Este incendio obrigou na segunda feira a cortar a autovía do Morrazo durante unhas horas. A alcaldesa de Moaña, Leticia Santos, explicaba que, durante a tarde, viviuse unha situación crítica, "cos veciños apagando o fogo desde terra", aínda que apuntou que non houbo desaloxos porque os habitantes traballaban na zona con caldeiros e mangueiras.

Segundo as primeiras investigacións, uns labores de roza poderían estar detrás deste incendio, con base nos testemuños da veciñanza e dos servizos de emerxencias.

Nos dous incendios foi necesario activar durante a tarde da segunda feira a coñecida como situación 2, nivel de risco de emerxencia pola proximidade das chamas a núcleos habitados.

A rexedora municipal de Ponteareas, Cristina Fernández Davila, explicaba na segunda feira que as chamas chegaron "moi perto, ao límite das vivendas". Veciños colaboraron cos seus medios arrefriando a contorna das vivendas.