Controlados dous incendios en Quiroga que calcinan en total máis de 26 hectáreas

Un helicóptero antiincendios nunha imaxe de arquivo (Foto: Nós Diario).
Esta terza feira outro lume puxo en alerta a Illa de Arousa.

A Consellaría do Medio Rural confirma que xa están baixo control dous incendios forestais iniciados na terza feira no municipio de Quiroga (comarca homónima). Entre ambos os dous levan calcinadas, até o momento, 26,3 hectáreas.

O primeiro destes fogos iniciábase pouco antes das 15.30 horas da tarde na parroquia de Montefurado, e ás 23.04h da noite dábase por controlado, tal e como precisaron fontes de Medio Rural citadas pola axencia Europa Press.

Este incendio forestal calcinou 19,8 hectáreas, de acordo coas últimas estimacións, e no operativo traballaron tres técnicos, nove axentes, 17 brigadas, 14 motobombas, unha pa, oito avións e seis helicópteros.

Posteriormente, pasadas as 20h da tarde, declarábase un incendio na parroquia do Hospital, tamén en Quiroga, que quedaba controlado ás 4h da madrugada, con 6,5 hectáreas queimadas. Xerouse con catro focos simultáneos, o que, segundo a Consellaría, podería indicar a súa intencionalidade.

No operativo traballaron até o momento un técnico, cinco axentes, 12 brigadas, oito motobombas, unha pa, unha unidade técnica de apoio e medios aéreos —catro avións e tres helicópteros— que tamén participaban no incendio de Montefurado.

Incendio na Illa

Aliás, outro incendio puxo en alerta esta terza feira a Illa de Arousa (O Salnés), declarado contra as 17 horas e controlado a tempo para evitar unha propagación desmesurada das chamas. Non hai datos aínda da superficie afectada, mais si da presunta intencionalidade, segundo apuntaron desde o Goberno local.