Medio Rural dá por controlado o incendio que queimou unhas 200 hectáreas en Carballeda de Valdeorras

Imaxe de arquivo (Foto: @briftabuyo)
Extinguido outro en Rubiá, dentro do parque natural de Serra da Enciña da Lastra

Os medios de extinción controlaron o incendio forestal orixinado o sábado en Carballeda de Valdeorras (comarca de Valdeorras), tras arder unhas 200 hectáreas, mentres que quedou extinguido outro declarado no concello de Rubiá, tamén na mesma comarca.

Segundo informou a Consellería do Medio Rural, o lume iniciado ás 16:35 horas do sábado na parroquia de Sobradelo, en Carballeda de Valdeorras, quedou controlado ás 22,37 horas deste domingo.

As últimas estimacións sitúan a superficie afectada nunhas 200 hectáreas.

Na súa extinción participaron até o momento un técnico, 25 axentes, 45 brigadas, 21 motobombas, dúas pás, oito avións e nove helicópteros.

Por outra banda, o incendio declarado ás 20,54 horas do domingo na parroquia de Biobra en Rubiá quedou extinguido ás 22:58 horas da mesma xornada despois de queimar unhas 0,09 hectáreas dentro do parque natural de Serra da Enciña da Lastra, das cales 0,03 foron arborado e 0,06 de monte raso.

Na súa extinción participaron tres axentes, seis brigadas, cinco motobombas, dous avións e tres helicópteros, concretou Medio Rural.