Controlado o incendio de Cualedro, no que arderon 1.535 hectáreas

Zona afectada polo ume de Cualedro (Europa Press)

A Consellaría de Medio Rural deu por controlado esta tarde o incendio de Cualedro, iniciado a pasada cuarta feira e que leva arrasadas 1.535 hectáreas neste municipio e no de Monterrei.

Os efectivos de emerxencias lograron estabilizar a última hora da pasada sexta feira o incendio forestal, iniciado ao mediodía do pasado 29 de xullo na parroquia de San Millao do municipio de Cualedro que, finalmente, quedou controlado este mediodía.

Este lume, no que chegou a ser necesaria a activación da Situación 2 pola súa proximidade ao núcleo de poboación de San Cristovo, en Monterrei, queimou unhas 1.535 hectáreas de terreo, 525 delas agrícolas e 1.010 forestais, segundo os datos provisionais. É xa o máis grave dos rexistrados na Galiza desde a vaga de lumes de 2017. 

Para o seu control mobilizáronse dous técnicos, 43 axentes, 106 brigadas, 45 motobombas, seis pas, 13 helicópteros e 13 avións, así como membros da Unidade Militar de Emerxencias ( UME).

Por outra banda, os medios antiincendios lograron extinguir nesta xornada o incendio forestal que afectaba desde onte o municipio de Rodeiro, no Deza, despois de queimar case 100 hectáreas.

Segundo a información da Xunta, o lume, iniciado na parroquia de Riobó, quedou controlado pouco despois das 13.30 horas. Segundo as últimas estimacións, as chamas afectaron a 97,5 hectáreas de terreo, das cales 73 son forestais e o resto agrícolas.

Na extinción deste lume traballaron 10 axentes, 25 brigadas, 17 motobombas, dúas pas, cinco helicópteros e seis avións.