Os controis na fronteira con Portugal prorróganse até o 17 de abril

Un axente da Policía Nacional nun control na fronteira da Ponte Internacional Tui-Valença, o pasado 31 de xaneiro de 2021 (Foto: Marta Vázquez Rodríguez / Europa Press)
Até o 17 de abril, como mínimo, continuarán os controis na fronteira entre a Galiza e Portugal, segundo a orde publicada este sábado no BOE. 
 

O Estado español prorrogou decidiu prorrogar os controis na fronteira con Portugal até o próximo 17 de abril coas mesmas limitacións aplicadas até o momento debido á situación epidemiolóxica.

Así o estabelece unha orde publicada este sábado, 3 de abril, no Boletín Oficial do Estado (BOE) e que amplía os controis que finalizaban este 6 de abril, polo que só se poderá entrar e saír do Estado español polos pasos autorizados e durante os horarios que se estabelezan.

Desta forma, só poderán acceder ao Estado español as e os cidadáns españois e o seu cónxuxe ou parella coa que manteñan unha unión análoga á conxugal documentada nun rexistro público, así como aqueles ascendentes e descendentes que vivan ao seu cargo, sempre que viaxen con ou para reunirse con este.

Tamén poderán cruzar a fronteira os que residan en España, aínda que será necesario que acrediten a súa residencia habitual, do mesmo modo que as e os estudantes que cursen os seus estudos en España, os residentes noutros países membros da Unión Europea (UE) ou asociados a Schengen que se dirixan á súa residencia habitual.

Así mesmo, accederán ao Estado español quen vaia transitar ou permanecer no territorio por motivos exclusivamente laborais, unha categoría na que se inclúen os traballadores transfroterizos, os sanitarios e os do transporte, en tanto que tamén están autorizados os que documenten causas de forza maior, necesidade ou motivos humanitarios.

O persoal estranxeiro acreditado como membro das misións diplomáticas oficinas consulares e organismos internacionais tamén poderá cruzar a fronteira, sempre que se trate de desprazamentos vinculados ao desempeño das súas funcións, do mesmo modo que os participantes en viaxes de Estado e os membros de Forzas e Corpos de Seguridade e Forzas Armadas.

O pasado 12 de marzo, a Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) Río Miño recibiu o compromiso de eurodeputadas e eurodeputados dos partidos políticos con presenza na Galiza e no norte de Portugal para exixir á Unión Europea que poña á disposición dos concellos da Raia axudas para compensar o fechamento de fronteiras por mor da Covid-19.

Nun encontro organzanizado pola AECT Río Miño reflexionouse dobre a problemática que as persoas traballadoras e as empresas da zona están a vivir polos fechamentos.

No encontro, Uxío Benítez, vicedirector da AECT, reflexionou sobre a necesidade de compensar un territorio, coas súas particularidades e os seus espazos e servizos compartidos, no que non se entende o feche das conexións. O responsábel valorou postivo aquel encontro, sinalando a unanimidade de todos os partidos para reclamar esas compensacións para a área “miñota”.