"Volvemos ser de usar e tirar": Os contratos eventuais do Sergas por emerxencia sanitaria chegan á súa fin

Galiza conta cunhas 11.000 enfermeiras eventuais (Foto: Xunta da Galiza).
A Xunta quere manter manter 80% do persoal sanitario contratado durante a pandemia. Afirmouno o presidente Núñez Feixoo no pleno do Parlamento malia non aclarar como, a piques de vencer o groso dos nomeamentos eventuais do Sergas por emerxencia sanitaria. A fin destes contratos devolve o persoal a unha maior precariedade.

A fin da emerxencia sanitaria abriu de inmediato a porta de saída a miles de traballadoras e traballadores da saúde contratados por mor da pandemia en todo o Estado. Tamén na Galiza, onde o Sergas confirmou a través da directora xeral de Recursos Humanos, Ana Comesaña, o cesamento progresivo dos contratos Covid pendentes de finalización.

Segundo lembrou, en decembro de 2020 o Servizo Galego de Saúde contratou uns 1.200 profesionais con motivo da crise sanitaria provocada polo coronavirus. O Goberno galego resolveu entón, coa aprobación de CCOO, CSIF e Satse mais coa desconformidade de CIG e UXT, introducir novas modalidades de nomeamento eventual "máis estábeis pola su duración", de entre seis meses e un ano.

Dos 1.250 vínculos previstos por Sanidade, dirixidos fundamentalmente a persoal de enfermaría mais tamén a auxiliares,  celadores ou persoal de servizos xerais, "actualmente" só quedan en vigor 640 que rematarán entre novembro e decembro, ademais doutros 140 contratos de continuidade de un ano, detallou Comesaña aos sindicatos na mesa sectorial. Nomeamentos eventuais por emerxencia sanitaria cuxa conclusión ameaza con agravar a falta de persoal e a precariedade que veñen denunciando desde antes da pandemia varios colectivos profesionais ademais dos sindicatos.

Manter 80% do persoal

Os representantes das traballadoras e traballadores sanitarios advirten dunha perda que o Sergas non debera permitir porque non sobra ninguén. En declaracións a Nós Diario, a secretaria nacional de CIG-Saúde, María Xosé Abuín, confirma a desaparición das prazas de reforzo por emerxencia Covid conforme vaian caducando os contratos que no último ano o Sergas veu renovando "cada 15 días ou cada mes". "Estes van cesar", di, a pesar do último anuncio por parte do presidente da Xunta, Alberto Nuñez Feixoo. Segundo adiantou onte no pleno do Parlamento, o obxectivo do Goberno galego "hoxe" é "manter 80% de todo o persoal sanitario contratado durante a pandemia, unha vez finalizada a pandemia". 

Segundo a voceira da CIG-Saúde, malia moderar o seu discurso, a política da Xunta non  muda. "Di que vai seguir contratando en función das necesidades. Pois coma sempre". Na súa opinión, cómpre todo o persoal. "É necesario que siga para garantir a actividade asistencial adiada pola Covid mais tamén para garantir o dereito dos profesionais a gozar dos permisos pendentes, suspendidos pola alerta e a emerxencia sanitarias". 

Doutra banda, Abuín salienta a necesidade de persoal para reforzar a Atención Primaria: "tanto para cubrir o déficit estrutural como a campaña de vacinación da gripe e mesmo da Covid, que aínda non desapareceu".

Fin da taxa de reposición

Desde CCOO, Javier González sostén que o Sergas "non debera perder máis profesionais". Na mesma liña, Javier Martínez, responsábel de sanidade de UXT defende que "fan falta máis do que están" neste momento. Ao o  entender, o Sergas debe apostar por incrementar o emprego e non por reducir o actual, coa mirada posta  no servizo sanitario máis que no aforro.

Hai que eliminar a taxa de reposición para recuperar o cadro de persoal do ano 2009

Neste sentido defende unha maior estabilidade que poña fin á precariedade da contratación sanitaria mais tamén sinala un problema que Galiza arrastra desde 2014, "o problema non resolto" da taxa de reposición.

"Hai que eliminala xa", secunda María Xosé Abuín. "Non vai  haber estabilidade para o persoal se non dispoñemos de prazas para consolidar o emprego e non se vai conseguir que entren nos orzamentos se non se suprime a taxa de reposición".

A secretaria nacional da CIG-Saúde chama a desbotar esta traba que limita desde hai máis dun lustro aa cobertura de vacantes. "Hai que eliminar a taxa de reposición para recuperar o cadro de persoal do ano 2009", recalca, un obxectivo que requiriría máis de 5.000 profesionais, en especial da medicina e da enfermaría, sinalan desde UXT.

Ordenación dos recursos 

 As reivindicacións sindicais pasan, ademais, pola reordenación dos recursos humanos. "Hai novas necesidades asistencias", afirma María Xosé Abuín, quen salienta a necesidade de coñecelas para podelas dotar de persoal "con contratos estábeis".

Ese plan de reordenación dos recursos, advirte, vai ser o que permita coñecer con máis detalle "a curto, medio e  longo prazo as xubilacións futuras". "Non se pode improvisar", di, porque é a falta de planificación a que fai que a eventualidade se converta na única solución, no único reforzo posíbel. "Esta forma de xestionar o persoal ten que rematar dunha vez por todas", conclúe.

E fin da precariedade

Unha demanda que se suma á reclamación das principais afectadas, as enfermeiras eventuais do Sergas. Ademais de denunciar a "fraude" dos contratos Covid tanto pola súa duración como polas funcións asignadas, desde o colectivo censuran a política de contratación da Xunta. "Por que o Sergas sigue sendo unha empresa de traballo temporal que só ofrece condicións pobres ao seu persoal?". "Admitir este tipo de contratos é admitir precariedade e precariedade nos coidados. Por que non se lle pon fin?", cuestionan.

As eventuais volven á casa de saída

Desde o colectivo Enfermeiras Eventuais en Loita, a fin da emerxencia sanitaria exixe unha revisión do que para elas supuxo tamén en clave laboral. A pandemia ofreceulles a posibilidade de acceder a contratos "prolongados", de máis de un mes. Mais os contratos Covid de seis meses ou un ano foron os menos, conclúen. Moitos non pasaron dos 15 días e non sempre ligados a servizos Covid.

"Tamén se empregaron para cubrir baixas, vacacións e outras necesidades". Ademais, negan a existencia de calquera reforzo. "Eramos as mesmas con outros vínculos, e foron no mellor dos casos 1.200 para 11.000 eventuais que volvemos ser de usar e tirar" cando hai falta de persoal. "Queremos traballar e traballar cun contrato digno. Un de seis meses non o é. É un parche, non estabilidade".