Contratacións do Sergas deixan a persoal con experiencia sen traballar

Centro Hospitalario Universitario da Coruña (Cedida)

Traballadoras do CHUAC da Coruña rexeitan as explicacións de Feixoo e explican que non renovaron os seus contratos aínda que estamos en emerxencia sanitaria.

“Que explicación ten que o persoal sanitario que está nas listas de contratación oficiais e regradas non fose chamado para renovar os seus contratos e estean nas súas casas e en cambio persoal que non está nas listas de contratación do Sergas se fose renovado?”, preguntase Natalia Jimenez, traballadora do Centro Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC).

Pertence a un colectivo que agora mesmo non entendo como se desaproveita a súa capacidade e experiencia nesta crise sanitaria. Esta traballadora conta a Nós Diario que lle “indigna” ver ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, como “elude” as preguntas dos medios de comunicación en relación a este tema que afecta, segundo explica, a todas as áreas sanitarias do país.

Con titulación, sen experiencia

A queixa do colectivo refírese á realización de contratos especiais nos que se tivo en conta a titulación e non a experiencia e que, segundo sinalan, terán unha duración indefinida até que remate a emerxencia sanitaria.

“Nós tivemos contratos precarios de días, cubrindo baixas, en moitas ocasións asinando varios contratos á semana sen respectar os nosos descansos, e non nos renovaron”, explica a Nós Diario. Relata que levan “anos á súa disposición e grazas a estes anos formámonos e collimos experiencia”. Por este motivo non entenden que estean na casa.

O colectivo fala de “abuso” e “falta de respecto” do Sergas en relación a súa situación. “Lembrámoslles que hai un pacto de contratación vixente que vostedes se están saltando coa escusa de que estamos en estado de alarma”, relatan, “saben que a maioría necesitamos traballar e que volveremos estar dispostos a aceptar os seus contratiños”.

Heroínas e heroes

As homenaxes todos os días ás 20 horas por parte da poboación quédanlle lonxe e mesmo lembran que “para nós o coidado das nosas pacientes é vocacional, mais en cambio demostrades que ese papel de heroínas e heroes chegará ao seu fin cando decidades”.

Por este motivo denuncian a súa situación que consideran de desprezo por parte do Sergas.