ContraMINAcción propón fixar por lei a prioridade dos usos alimentarios de terras e augas sobre calquera outros

Representantes da Rede contra a Minería Destrutiva de Galiza reuníronse nestes días con delegacións das formacións parlamentares, aos que trasladou a súa táboa reivindicativa de 13 puntos.

Tras facelo con PSdeG e Compromiso por Galicia, ContraMINAcción aproveitou o incio da fin de semana para se reunir coas outras formacións políticas (BNG, AGE e PP) ás que trasladou a súa táboa reivindicativa, composta por 13 puntos. A Rede contra a Minería Destrutiva de Galiza recoñece que con estas xuntanzas procuran “que os partidos políticos galegos se comprometan a defender estas demandas e a difundilas entre a cidadanía”. O obxectivo é que “a xente estea informada e saiba até onde pode chegar o impacto da minaría salvaxe e como pode afectar e causar danos irreversibles ao seu medio de vida e ao lugar onde vive”.

As propostas foron trasladadas a BNG, AGE, PSdeG, CxG e mesmo PP nunha rolda de xuntanzas e entrevistas

As propostas de ContraMINAcción os partidos políticos resúmense en 13 puntos: Prohibición do uso do cianuro na minaría e do 'fracking', así como prohibición de novos proxectos mineiros no nosos territorio son algúns deles. Unha das demandas do documento avoga pola retirada de subvencións e incentivos económicos a esta actividade.

Un país sostíbel

ContraMINAcción parte dunha premisa: “Protexer a saúde humana e os seus sistemas de vida: auga, aire e solos, por enriba de calquera proposta de actividade económica”. Ese é o compromiso en base o que se elaboran as outras 12 reivindicacións da táboa presentada ás organizacións políticas.

“Establecer por lei a prioridade dos usos alimentarios da terra e as augas sobre calquera outro uso. Non se contemplará a excepcionalidade a esta prioridade en ningún artigo, apartado ou anexo de ningunha lei” e “Establecer un mínimo de territorio reservado para usos alimentarios, e blindalo e maneira legal, sen excepcionalidades”. Son as trabas que garantan a premisa antes citada

Tamén queren que os poderes públicos estimulen “mediante políticas deseñadas a ese efecto, os usos sustentables da pesca, o marisqueo, a gandería, a agricultura e a silvicultura no territorio galego”