A cimenteira Cosmos vulnera dúas prohibicións de actividade e prende as máquinas na canteira de Triacastela

CC BY-SA Wikimapa

A plataforma ContraMINAcción presentou unha denuncia porque a mina a ceo aberto está a traballar sen licenza municipal, para alén de incumprir unha paralización imposta pola Xunta.


Cunha orde de paralización da actividade ditada polo Concello de Triacastela en setembro de 2013 e máis outra na mesma liña ditada pola dirección xeral de Minas a petición da propia empresa e cunha duración de seis meses que non expiraron aínda, a cementeira Cosmos prendeu este sábado 8 de Marzo as máquinas na canteira de pedra caliza que posúe no lugar de Vilavella. 

A vulneración de ambas as dúas normas denunciouna a asociación socio-cultural O Irimio, integrada na plataforma ContraMINAcción, facendo fincapé no feito de que a mina a ceo aberto está a extraer material para a cimenteira malia careceren da correspondente licenza municipal. 
 


"Levan décadas traballando aquí, desde o franquismo, e as ilegalidades están por todas as partes", explica Marcos Celeiro, do Irimio, en conversa con Sermos Galiza. A renglón seguido, enumera algunhas desas prácticas que o colectivo deste municipio da comarca de Sarria considera "ilegais".

Así, di Celeiro que a actividade na canteira se realizou "sempre" sen licenza municipal e "coa conivencia das administracións"; ou que se cortaron camiños públicos e se colocaron cancelas no único que ficou transitábel até o punto de que a veciñanza de dúas das aldeas afectadas, que antes andaba 1km, agora ten que dar un rodeo de 14km.

Mais non só. A Confederación Hidrográfica Miño-Sil outorgou a Cosmos unha concesión mineira que afecta o leito dun río, o Teixido, concesión da cal soubo a veciñanza hai só unha semana. "Os terreos onde se estabeleceu a canteira foron expropiados na ditadura e houbo oposición mais naqueles tempos... non valeu de nada", subliña o activista do Irimio. En 2005 a cimenteira solicitou unha recualificación de recursos e foi entón cando lle concederon a explotación de 11 cuadrículas mineiras que afectan un total de cinco aldeas.