Continuo malestar da veciñanza ourensá polo estado de espazos públicos

Mal funcionamento, pouca visibilidade nas estradas, pouca manutención nos xardíns... Estas son algunhas das queixas que moitos e moitas veciñas de Ourense teñen ao respecto de como está actualmente a cidade. Son elas ás que acoden ao concello en busca de solucións mais a maioría das veces, fican sen resposta esperando que algún día todo se arranxe ou, como mínimo, que mellore.

 

Hai unhas semanas alertabamos do estado no que se atopaba a zona infantil de xogo situado no Parque Miño, a escasos metros do río. As estruturas que se atopaban perto cederon polo estado vello e descoidado provocando que unha parte do parque non puidera ser utilizada polas crianzas. Aínda así, moitos outros espazos do complexo, foron desmantelándose progresivamente co uso. Exemplo disto son os merendeiros que se atopan cheo de pintadas, sucios e moitas veces con cristais ao seu redor.

 

Mais non é este o único xardín desatendido polo concello. Caso moi similar é o do barrio de Os Rosais. A empresa concesionaria que se fixera cargo destes xardíns, coma de todos os da cidade, está a levar un mal mantemento. Isto compróbase no estado dos sistemas de regadío da zona, ou mesmo as tapas dos contadores e das chaves, que facilmente poden ser empregados por un neno como unha zona máis de xogo e inconscientemente deixar un dedo.

 

E se falamos de xardíns, tamén podemos sinalar o desaproveitamento e a incomodidade que significa ter operativos os aspersores accesos a media tarde na ribeira do Miño. Con exactitude, ás sete e media da tarde comezan a funcionar as once tomas de auga que regan a zona de baño ao carón do Miño situadas ao lado do hórreo. Moitos e moitas, atópanse nesa zona co obxectivo de pasar a tarde e tomar o sol ou bañarse, mais teñen que marchar coa choiva. Asemade, ese mesmo espazo, segundo un home habitual da zona “está moi sucia, todo cheo de lixo porque non ven ningún operario a limpalo”.

 

E de aspersores a cabinas, posto que as que xa case ninguén emprega para comunicarse, seguen instaladas en moitos puntos da cidade sufrindo moitas veces ataques vandálicos. Moitas fanse a pregunta de se non sería mellor quitalas.

 

Mais os peóns non son os únicos en sufrir o desinterese do concello. Zonas coma o acceso d´A Chavasqueira atópase en malas condicións para os e as conductoras. A saída da rúa Feira Nova coa rúa d´O Tinteiro ten aos seus arredores maleza que impide que os conductores poidan visualizar se veñen do sentido contrario, mais o espello que se atopa nas inmediacións está demasiado sucio e tapado pola maleza, provocando que non permita cumprir a súa verdadeira función.