Continúan as incidencias relacionadas co temporal

[Imaxe: terry_jb]

Aínda que con menor intensidade que nas xornadas da sexta feira e do sábado, o temporal segue a afectar a Galiza e deixa ao seu paso centenares de incidencias, a meirande parte, relacionadas coa caída de árbores ás estradas, amais de postes ou cables da luz.

Desprendementos de cubertas, caída de tellas, árbores e postes da luz... o temporal que azouta Galiza segue a provocar centenares de incidencias malia que o peor xa pasou. Unha das máis graves ocorreu na xornada do sábado en Lourenzá, onde o vento tirou dúas torres de alta tensións.

Aliás, os efectos do vento e da chuvia levaron a reordenar o tráfico nas estradas do país debido á caída de tendido eléctrico, de restos de árbores e outros desprendementos.

Segundo o 112, nas últimas horas rexistráronse máis dun cento de incidentes nas comarcas pontevedresas. O concello máis afectado volve ser A Estrada, con 36 avisos atendidos. Vigo, Lalín e Pontevedra son outros dos municipios con máis incidencias.

Por outra banda, Galiza rexistrou un total de 471 lóstregos durante a madrugada e a mañá do domingo. Un dos lóstregos impactou nas inmediacións da Torre de Hércules, na Coruña, e deixou o faro sen luz.

Predición

A respeito da predición, a costa permanecerá este domingo en alerta laranxa por un novo temporal que afectará ao noroeste, así como á costa lucense a partir da tarde. Espéranse ventos do oeste de forza 7 e 8 e ondas de entre cinco e seis metros. Ademais, os refachos de vento superarán os 100 km/h en puntos das comarcas pontevedresas.