Continúan os desprazamentos e as esperas de persoas maiores baixo a choiva para ser vacinadas

Fileira de persoas maiores este sábado na Cidade da Cultura agardando para ser vacinadas (Foto: Nós Diario).

A vacinación de persoas maiores continúa segundo a planificación da Consellaría de Sanidade. Este sábado, centos de persoas desprazáronse até a Cidade da Cultura, igual que noutros puntos do país, baixo a choiva e o mal tempo.

Non serviron de nada as numerosas queixas que recibiu a Consellaría de Sanidade e o plan de vacinación proposto por este departamento da Xunta mantívose. Estes días o mal tempo sumouse aos traslados forzosos das persoas maiores chamadas para vacinarse.

Ocorreu este sábado, por exemplo, na Cidade da Cultura de Compostela, onde fileiras de persoas maiores tiñan que agardar para ser vacinadas fóra das instalacións baixo a choiva.

Segundo datos da Dirección Xeral de Saúde Pública, ate esta sexta feira vacináronse na Galiza coa cuarta dose contra a Covid-19 un total de 136.000 persoas de idade avanzada, das que 116.000 pasaron polos ‘vacinódromos’, onde xa se están administrando doses a menores de 80 anos.

Segundo a planificación elaborada polo departamento da Consellaría de Sanidade, o 17 de outubro, terminará a vacinación do grupo de entre 80 e 84 anos e, a próxima semana, comezarase a citar nos centros de atención primaria de cabeceira a todas aquelas persoas maiores de 85 anos que non recibisen a dose de reforzo da Covid-19.

Críticas polos desprazamentos

As criticas ao sistema que obrigaba ás persoas maiores a desprazarse ducias de quilómetros chegáronlle á Consellaría desde o propio PP. O alcalde de Quiroga, Julio Álvarez, dese mesmo partido político, aseguraba que houbo unha "mala planificación" do Servizo Galego de Saúde (Sergas) na vacinación ao non permitir que se lles inocule a cuarta dose nos centros de saúde de cada concello na primeira chamada, tendo que desprazarse ao hospital de Monforte, a case unha hora de distancia de varias parroquias.

Álvarez sinalaba que “no medio rural temos unha serie de dificultades engadidas, non temos transporte urbano e por iso fáltanos algo que nos impide acceder a uns servizos tan elementais como son as vacinas”. O alcalde lembraba que “as persoas da terceira idade que teñen esas limitacións físicas inherentes á propia idade, que viven no medio rural teñen que queixarse porque queren calidade de vida e esa calidade de vida dálla a saúde".

Tamén protestou o colectivo de persoas xubiladas e pensionistas da CIG que denunciaba as "dificultades" dos maiores de 80 anos que están a ser convocados para a dose de reforzo da vacina contra a Covid-19 para acudiren aos centros de vacinación, os coñecidos como 'vacinódromos'.

Segundo remarcaban nun comunicado, trátase de persoas que, na súa maioría, xa non conducen, e ás que lles supón tamén "un trastorno enorme" trasladarse desde os seus lugares de residencia aos hospitais de referencia.

Como exemplo, sinalaban que as persoas chamadas a vacinarse que viven do outro lado da ría de Vigo "teñen que coller primeiro un barco e despois un taxi para chegaren ao hospital", algo que cualifican de "despropósito". E engadían que, co inverno xa próximo, "non é de recibo facer que as persoas maiores que veñen do rural teñan que percorrer 30, 40 ou 50 quilómetros, facer colas de pé, ao frío e quizais baixo a choiva".