Continúan en aumento os casos activos por coronavirus na Galiza

Realización do test da COVID-19 para o estudo epidemiolóxico da Xunta na entrada dun centro de saúde (Europa Press).
Suman a día de hoxe 533 casos activos por Covid-19, cun incremento dos gromos en todas as áreas.

O número de casos activos de Covid-19 na Galiza continúa a aumentar, esta vez en 89 con respecto á pasada sexta feira e a cifra sitúase en 533 -tras na xornada de onte subir en cinco áreas sanitarias-. 

Así se indica nos datos actualizados este sábado pola Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellaría de Sanidade, onde se informa que, nesta última actualización, o número de casos activos de coronavirus na Galiza é de 533, deles 246 son da área da Coruña, 79 da de Lugo, 37 da de Ourense, 44 da de Pontevedra, 81 da área de Vigo, 40 da de Santiago, e 6 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 3 están en UCI, 25 en unidades de hospitalización e 505 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 11.403 persoas curadas, rexistrándose 620 falecementos.

O número de PCR realizadas é de 262.510 e un total de 11.403 pacientes xa están curados e, a día de hoxe, hai 505 pacientes en seguimento nos seus domicilios segundo informan desde a Consellaría. O Sergas ten a disposición da cidadanía a páxina web coronavirus.sergas.gal, na que se pode consultar a información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos

O persoal técnico da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellaría de Sanidade volve reiterar as recomendacións consensuadas entre as comunidades autónomas e o Ministerio de Sanidade, e lembran que, en liñas xerais, aconséllase adoptar as medidas de autoprotección e limitación da diseminación do virus común a calquera infección respiratoria, como a gripe. Así, extremarase a hixiene de mans, lavándoas frecuentemente, especialmente despois de tusir ou soarse, e cubrirase o nariz e a boca cun pano -preferentemente desbotábel- ao tusir ou esbirrar, ou se non se dispón de pano, na cara interna do cóbado. Ademais, evitarase tocar os ollos, o nariz e a boca coas mans.