Comarca de Sarria

Continúa na UCI a muller acoitelada a pasada sexta feira por un veciño en Samos

Efectivos da unidade de Criminalística da Garda Civil examinaron a escena do crime a pasada sexta feira. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
O autor do crime ingresou este domingo en prisión, comunicada e sen fianza, mentres é investigado por un delito de asasinato, ao marido da muller hospitalizada, e outro de tentativa de homicidio.

A muller de 73 anos que a pasada sexta feira foi acoitelada por un veciño en Samos (comarca de Sarria) continúa grave e na unidade de coidados intensivos do Hospital de Lugo, segundo confirman esta segunda feira fontes sanitarias citadas pola axencia Europa Press. O presunto autor dos feitos, J. M. V., de 49 anos de idade, ingresou o domingo en prisión provisional, comunicada e sen fianza investigado por un delito de asasinato a un home, de 82, e por tentativa de homicidio á muller deste, que segue na UCI.

A vítima presentaba lesións graves por arma branca no pescozo e no tórax. Até o lugar desprazáronse o helicóptero do 061 con base en Ourense e o médico e mais a ambulancia dispoñíbeis na zona. Dos feitos tívose constancia pasadas as 8 horas da mañá, cando un particular alertou do suceso á central de emerxencias do 112.

Sucedeu nunha vivenda da parroquia de San Mamede do Couto, no lugar de Lamas. Até alí, alén dos servizos sanitarios, trasladáronse varios efectivos da Garda Civil que procederon á detención do presunto autor dos feitos e a investigar a zona.

O detido, veciño das vítimas, chegaba a media mañá desta sexta feira a dependencias xudiciais, onde permaneceu varias horas. Fontes da Garda Civil precisaron que este home mantiña desavinzas previas co matrimonio agredido. A agresión produciuse cunha arma branca —presuntamente un coitelo— e o home faleceu, mentres a muller sufriu feridas de gravidade mais logrou sobrevivir.

Na súa primeira comparecencia nos xulgados, o home asegurou estar "moi afectado" e insistiu en varias ocasións, porén, que actuou "en lexítima defensa" e que a arma do crime, que aínda non apareceu, foi unha navalla propiedade do matrimonio.