Con cita para a PCR sen ser notificado

Unha traballadora da sanidade realiza unha proba PCR a un condutor (Foto: Europa Press).
O pasado 19 de agosto, a Xunta da Galiza anunciou un cribado masivo na Coruña dirixido a unhas 62.000 persoas de entre 18 e 40 anos. O programa púxose en marcha nun momento no que a cidade e a súa contorna acaparaban tres de cada catro novos casos que se producían no territorio.

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feixoo, avanzou o pasado 19 de agosto, após unha nova reunión do comité clínico de expertos sanitarios, unha ampliación do cribado masivo que xa se viña realizando na área coruñesa entre colectivos profesionais especialmente sensíbeis e expostos ao coronavirus como a Policía, Protección Civil, funcionarios da Administración local ou traballadoras de axuda no fogar.

Anunciou un cribado masivo para a poboación de entre 18 e 40 anos da cidade da Coruña que contaba con "invitar a participar a arredor de 1.000 persoas cada día, até chegar ás 62.000 que pertencen a esa franxa de idade". O estudo iniciouse coa intención de estendelo aos concellos do redor en función dos datos epidemiolóxicos que se fosen obtendo. 

 Case un mes despois do inicio do estudo, usuarias do Sergas están descubrindo que teñen asignada a realización dunha proba PCR que descoñecían, porque non lles foi notificada. "Ninguén os avisou", aseguran desde a Atención Primaria da área da Coruña. "Desde o colectivo médico sabemos que hai poboación diana citada a partir do 18 de agosto para un cribado pero sen mais detalles. Ninguén nos informou de cal é o procedemento que se segue para os chamamentos destas persoas, nin sequera se están a ser chamadas. Polo tanto, unha vez descubrimos que figuran como citadas na súa historia clínica, somos moi prudentes á hora de facilitarlles información sobre se terán acceso ou non a unha PCR". 

Desde a Consellaría de Sanidade aseguran a Nós Diario que o cribado non rematou e que é o propio Sergas quen xestiona os chamamentos para convocar a poboación de entre 18 e 40 anos no espazo habilitado ex professo na parte posterior do centro de saúde do Ventorrillo, un dos barrios máis afectados a canda Os Mallos, Agra do Orzán e Sagrado Familia. O cribado está a piques de alcanzar a metade do seu obxectivo, a metade máis nova, engaden, cunha participación de 35% das persoas convocadas, "aceptábel" para un programa "tan amplo e voluntario".

Galiza, á cola en transparencia

Co avance da segunda vaga de contaxios por coronavirus, o acceso á información sobre a Covid-19 na Galiza non mudou. Os datos oficiais facilitados pola Xunta limítanse ao número de casos activos, persoas hospitalizadas e probas PCR referidas ao día anterior, cifras que axudan a construír unha imaxe momentánea da pandemia mais sen datos adicionais imprescindíbeis para poder coñecer e analizar o impacto real da enfermidade tanto sobre a poboación como sobre o sistema sanitario ao longo do tempo. 

O Sergas non ofrece series completas de datos que permitan interpretar a evolución epidemiolóxica da Covid-19 nin tampouco a dotación e funcionamento do sistema de rastrexo. Non achega información directa sobre casos novos, sobre a calidade dos diagnóstico segundo o tipo de proba ou sobre a taxa de positividade, que divulga o Goberno estatal con datos facilitados pola propia Xunta, pero que evita divulgar directamente.

A Galiza é, xunto a Estremadura, o territorio cun acceso á información sobre a Covid-19 máis restrinxido.