Galiza remata febreiro cun terzo dos ingresados que ao comezo de mes

Proba Covid. (Foto: Europa Press)
O país comezou o mes con case 1.500 ingresados que a día de hoxe se manteñen nos 532. Nas últimas horas detectáronse 208 novos casos positivos e déuselle a alta a 616 pacientes Covid.

O país comezou o mes febreiro en cifras máximas da pandemia con máis de 22.000 casos activos de covid-19 e case 1.500 ingresados, pero o último día do mes os datos da Consellería de  Sanidade confirman a tendencia descendente tras semanas de máximas restricións. En concreto, os enfermos por Covid sitúanse agora en 5.485, o 24% que os que había o día 1, e en 532 os hospitalizados, en torno ao 37% que no arranque do mes.

Ademais nas últimas horas detectáronse 208 novos  contaxios cando un mes atrás superaban o milleiro.

Con todo, no que respecta á presión hospitalaria, obsérvase un estancamento na caída, xa que os 532 ingresados que rexistra hoxe Sanidade son só un menos que os que notificaba hai 24 horas. E é que, aínda que son seis menos os pacientes en unidades de coidados intensivos (UCI), un total de 108, os que se atopan en planta subiron en cinco, ata os 424.

Por áreas sanitarias, as de Vigo, Lugo-A Mariña-Monforte e Pontevedra-O Salnés sofren un lixeiro aumento nos datos deste domingo. A viguesa rexistra 74 ingresados en total, cinco máis, aínda que en críticos hai 15, un menos.

Na pontevedresa, os hospitalizados alcanzan os 59 tras subir en dous máis, pero os que están en UCI descenden en tres, ata os 14; e na lucense os ingresados soben en cinco, a 43, mentres que os críticos mantéñense estables, en 13

O resto rexistran tímidas baixadas. A área sanitaria da Coruña-Cee continúa á cabeza con 176 hospitalizados, aínda que diminúen nun, dos que están na UCI 38, dúas menos.

Tamén cae a presión hospitalaria na área de Santiago-Barbanza, a 72 ingresados, un menos ca onte, 17 deles en coidados intensivos; na de Ferrol, con 71 en total –catro menos– , oito en UCI –dous menos– e en Ourense-Verín-O Barco, con 37 ingresados –seis menos– , tres destes en críticos, dous menos.

 

Seguen a descender os casos activos

Os casos activos proseguen a tendencia descendente ata situarse en 5.485, tras baixar en 415 nun día. A última vez que  Sanidade notificou un número máis baixo de enfermos totais de  Covid habería que remontarse ao 19 de outubro, en pleno ascenso da segunda onda da pandemia.

Todas as áreas sanitarias continúan en caída e soamente a da Coruña-Cee supera o milleiro, ao rexistrar 1.810 casos activos, 80 menos que os notificados 24 horas atrás.

Séguelle a de Vigo, con 927 casos activos de Covid, tras descender en 18 no último día. Tamén caeron na área de Pontevedra-O Salnés, a 783 –59 menos– ; na de Santiago-Barbanza, a 588 –57 menos– ; e na de Ferrol, a 544  –77 menos –.

As que menos pacientes teñen son a de Lugo-A Mariña-Monforte, cun total de 511, tras baixar en 80 nas últimas 24 horas; e a de Ourense-Verín-O Barco, con 322, ao descender en 44.

No tocante ás residendicas, Sanidade comunicou que nas últimas horas non se detectaron novos casos positivos e déronselle de alta a nove pacientes, o que supón que só 40 persoas usuarias das residencias de maiores da Galiza son casos activos. Nos centros de atención á discapcaidade, despois de dar de alta a 6 usuarias, os casos activos de Covid nestes centros descenden a 4 no país. Os casos entre as traballadoras destas residencias tamén descenden até os 17. 

Novos contaxios

Así mesmo, o parte deste domingo recolle que, desde o inicio da pandemia, contaxiáronse un total de 112.518 persoas na Galiza. Isto permite saber que, entre as 18,00 do venres e as 18,00 do sábado, detectáronse 208 novos  contaxios a través de todo tipo de probas, 64 menos que o día anterior. De todos estes, 194 foron confirmados cunha  PCR.

Na área sanitaria da Coruña, nas últimas 24 horas detectáronse 90 positivos, un descenso de 20 sobre os do día anterior. Tamén destacan as áreas de Vigo, con 45 novos  contaxios, un menos que a xornada previa; e Pontevedra, con 33, dez menos.

En canto ao resto, atópanse en cifras mínimas. A de Santiago suma 15 novos positivos, dous menos ca onte; Ourense nove –11 menos– ; Ferrol oito –cinco menos– ; e Lugo outros oito, 15 menos.

O Sergas realizou até esta última actualización de datos 1.660.450  PCR. Isto implica que, entre as 18,00 do xoves e as 18,00 do venres practicáronse 6.645 probas, ao redor de 1.000  máis que a xornada previa.

Pola súa banda, a taxa de positividade (porcentaxe de infeccións por test  PCR realizados) volveu a baixar ata o 3,6%, polo que se mantén lixeiramente debaixo dese 5% que a Organización Mundial da Saúde (OMS) fixa como máximo para dar por controlada a pandemia.

 

Máis sete pasamentos

Desde o inicio da pandemia, 2.227 persoas faleceron na Galiza tras ser diagnosticadas con Covid, despois de notificar  Sanidade na noite deste sábado a morte doutras sete.

Até o momento no país curáronse da enfermidade 104.823 persoas, o que nun día recibiron o alta 616.