Sanidade pública

Continúa o colapso nas Urxencias do CHUS pese baixar a demanda

Corredor das Urxencias do CHUS. (Foto Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS)
Sanidade amplía de novo a campaña de vacinación.

O Servizo de Urxencias do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) continua colapsado con pacientes graves "amoreados" nos corredores, a pesar de rexistrar unha menor demanda asistencial. Así o denunciaron esta segunda feira desde a Asociación de Pacientes e Usuarias do CHUS. "Os responsábeis sanitarios do Sergas e da xerencia do CHUS seguen sen intervir nas urxencias hospitalarias, que continúan colapsadas", afirma a plataforma nun comunicado.

Así, segundo trasladan as usuarias e as usuarias do complexo hospitalario, na segunda feira, 8 de xaneiro, 24 pacientes graves estaban colocados en padiolas e cadeiras de rodas no corredor de acceso e nos adxacentes, agardando durante horas a ser atendidos e "soportando a vulneración do seu dereito á intimidade e á dignidade".

Mentres, denuncia a asociación, 40 pacientes, co ingreso asinado en planta, agardaban por unha cama e ocupaban as zonas de traballo. De acordo cos datos publicados no pulso do CHUS, nas 24 horas que transcorreron da segunda á terza feira, foron atendidas 456 persoas (136 menos que unha semana antes, cando se rexistrou o pico de demanda máis alto). 

Estas cifras significan, para as usuarias e usuarios do CHUS que o plan de continxencia aprobado o 29 de decembro "non só non está xurdindo efecto algún, senón que está a servir para aumentar a demanda asistencial nas Urxencias" do complexo hospitalario da capital, ao que se trasladan pacientes doutros centros sanitarios. 

"Atallar as causas require dotación de máis recursos para a contratación de persoal, anticipación fronte as repuntas estacionais da demanda de atención e redefinir as bases estruturais da Atención Primaria como primeiro nivel de acceso ao sistema. Sen estas premisas, o modelo público está destinado a colapsar", sentencian desde a asociación de usuarias. 

Ampliación da campaña de vacinación

Sanidade acordou unha segunda ampliación, até o 26 de xaneiro, da campaña de vacinación contra a gripe e a Covid-19, que estaba previsto que concluíra o vindeiro día 12. Desta maneira, o sistema de autocita permanecerá habilitado para as persoas de entre 12 e 59 anos con algunha condición de risco, como persoas de máis de 60 e crianzas de entre 6 e 11 meses.