Análise

Continua aldraxe ferroviaria

O trato discriminatorio do plan do Ministerio replica a historia de desleixo que representa a implantación do ferrocarril en España. (Ilustración: Álex Rozados)
O economista e escritor Marcelino Fernández Mallo analiza para 'Nós Diario' as eivas nas conexións ferroviarias da Galiza.

O Ministerio de Transportes vén de rematar hai pouco a redacción do Plan que chama 'Mercancías 30' a través do cal pretende duplicar o peso actual do ferrocarril no tráfico de mercadorías. Disque as emisións directas do tren son 12 veces menores na pauta non urbana respecto do transporte por estrada, polo que este plan se considera unha ferramenta chave na transición ecolóxica.

A execución do plan vai requirir un investimento de 8.000 millóns de euros que se destinarán a infraestruturas e dixitalización, no cal se inclúe unha dotación de 1.500 millóns do Mecanismo de Recuperación y Resiliencia da Unión Europea, que se dirixirá a mellorar a eficiencia do sistema, fomentar a intermodalidade e potenciar os nodos de distribución.

O trazado do Plan Mercancías 30 representa unha incuestionable declaración de principios do Goberno de España. E ese plan exclúe por completo Galicia

O plan pretende crear nove autoestradas ferroviarias de mercadorías mediante actuacións estruturais na rede ferroviaria, nos terminais e nos centros de xestión de capacidade. En termos concretos, implantarase o sistema europeo de xestión ERTMS nos trens de mercadorías, renovaranse locomotoras e vagóns, construiranse novas terminais de carga e actualizaranse os sistemas tecnolóxicos.

Á vista da dimensión do proxectado, estamos ante unha desas intervencións públicas con intención de transcendencia, das que contribúen de xeito relevante á competitividade e desenvolvemento dos territorios. O trazado do Plan Mercancías 30 representa unha incuestionable declaración de principios do Goberno de España. E ese plan exclúe por completo Galicia.

Estas son as nove liñas en proxecto:

—Murcia, Valencia, Barcelona, Figueres.
—Vitoria-Gasteiz, Irún.
—Valencia, Madrid.
—Alxeciras, Madrid, Zaragoza.
—Zaragoza, Barcelona, La Llagosta.
—Huelva, Sevilla, Córdoba.
—Madrid, Medina del Campo, Fuentes de Oñoro.
—Medina del Campo, Vitoria-Gasteiz.
—Zaragoza, Alsasua, Vitoria-Gasteiz.

Ademais da explícita exclusión do noroeste da península (Galicia, Asturias, Cantabria e a provincia de León), chama a atención que o tráfico con Portugal se prevexa mediante a conexión Madrid-Medina del Campo-Fuentes de Oroño (Salamanca) e de aí, a Porto e Lisboa, cando o propio Goberno luso manifestou de modo expreso o seu interese estratéxico na conexión con Galicia.

O trato discriminatorio cara a Galicia do Plan do Ministerio de Transporte replica a historia de desleixo que representa a implantación do ferrocarril en España

Chove sobre mollado

O trato discriminatorio cara a Galicia do plan do Ministerio de Transporte replica a historia de desleixo que representa a implantación do ferrocarril en España. Lembremos que o primeiro traxecto galego de tren (Santiago-Carril) ábrese en 1873, 25 anos despois do primeiro tren español e cando España tirara xa 6.000 quilómetros de vías férreas e o ferrocarril chegaba a tódolos territorios agás as illas e... Galicia.

En 1933, o deputado en Cortes Daniel Afonso Rodríguez Castelao denunciaba a persistencia da discriminación: "O ferrocarril galego ten unha longa historia que sangra inxustiza... En Galicia non podemos concibir que se fale seriamente da inutilidade do noso ferrocarril porque toda a nosa riqueza mineira, e forestal, a nosa gandería e a nosa pesca, están fortemente vencelladas a esta obra. A situación de Galicia en canto a comunicacións puidera estar xustificada pola pobreza do Estado se outras rexións, sempre privilexiadas, non dispuxesen de excelentes servizos ferroviarios".

O chamado "tren de cercanías" representa outra aldraxe de máxima repercusión. Renfe ofrece este tipo de servizos de proximidade en Alacante, Asturias, Barcelona, Bilbao, Cádiz, Madrid, Málaga, Murcia, Santander, San Sebastián, Sevilla, Valencia e Zaragoza. Que falar do corredor cantábrico? Percorrer en tren os 440 quilómetros que separan A Coruña de Bilbao leva 12 horas, 16 minutos. Cando en España se fala do corredor cantábrico, refírense ao proxecto para unir con ferrocarril de altas prestacións o Cantábrico e o Mediterráneo, dende Santander ata Valencia. O do AVE, mellor nin amentalo. As conexións ferroviarias aos portos e aeroportos galegos non están nin se esperan. Terras coma a provincia de Lugo ou a Costa da Morte presentan un déficit de infraestrutura férrea insoportable. Os dous corredores de mercadorías actuais na península ibérica ignoran as conexións co noroeste, etcétera.

A rede de ferrocarril é un elemento esencial de desenvolvemento, por razóns de eficiencia e medioambientais, e pola súa capacidade de comunicación e articulación de territorios. Na miña opinión, a rede de mercadorías representa unha maior contribución ao progreso e a competitividade que a conexión por AVE á meseta. Por iso, Galicia non pode quedar de brazos cruzados ante o Plan do Ministerio de Transporte. O 'Plan Mercancías 30' ha contemplar o noroeste da península se non queremos agrandar aínda máis ás distancias cos mercados español, portugués e europeo. Sería unha nova aldraxe de importante repercusión futura.