LEVAN CINCO DÍAS

Continúa a folga de Correos en Vigo

Desde que comezou o conflito na Unidade de Reparto número 1, acumúlanse 241.000 obxectos sen repartir. Iniciaran unha folga a media xornada para protestaren contra a decisión da compañía de eliminar 13 postos.

 

Dende a CIG-Correos explicaron que os milleiros de obxectos sen repartir acumúlanse dende hai días nas instalacións da empresa sen que a dirección se amose disposta a reunirse cos traballadores/as. “A compañía non quere dialogar, polo que nos vemos obrigados a incrementar as mobilizacións”, indican. Anuncian que o vindeiro día 22 estenderán o paro, que está a deixar sen servizo postal a unhas 184.000 persoas, a toda a xornada.

Ademais, para mañá martes teñen convocada unha manifestación que percorrerá as rúas da cidade dende a Praza de Compostela, ás 20.00. Ao tempo, os traballadores/as continúan cos percorridos diarios por rúas de Vigo.