Contexto para retratar a realidade de quen vive na rúa

Acto de presentación da Guia 'Senfogarismo: Recomendacións para os medios de comunicación' [Imaxe: Cruz Vermella]
Cruz Vermella e Xunta de Galiza publican unha guía para orientar os medios á hora de informar sobre as persoas sen fogar, coordinada polo xornalista Luís Pardo e ilustrada por Miquel Fuster.

Cruz Vermella e Xunta da Galiza presentaron esta terza feira a guía Senfogarismo: Recomendacións para os medios de comunicación. O obxectivo e dar a coñecer a súa realidade de xeito que a información que chegue ao público sexa rigorosa e sensíbel, axudando a comprender o contexto de quen vive nas rúas; 1.243 persoas en 2017 segundo datos de Cruz Vermella.

O traballo enfócase nos profesionais da información a raíz do seu impacto como creadores e modeladores da opinión pública. O xornalista Luís Pardo foi o encargado de coordinala: “Máis que sentar cátedra, búscase sobre todo aportar un contexto e información na que basearse e, sobre todo, tratar de sensibilizar”, conta por teléfono a Sermos Galiza. A experta Graciela Malgesini aportou o marco da guía, na que colaboraron persoal de Cruz Vermella e traballadores de medios de galegos.

A primeira parte da publicación contesta aos que, quen, onde, cando e por que das persoas sen fogar. Lorena García, responsábel de comunicación de Cruz Vermella, explica que se ofrecen “datos e información sobre esta realidade a través da experiencia de persoas da organización que traballan na Galiza con persoas sen fogar”. Os porqués da guía falan de situacións de precariedade, escaseza de recursos, rupturas afectivas ou adiccións. Na segunda parte propóñense os como, como plasmar as respostas a esas primeiras cuestións.

Luís Pardo: “Vivir na rúa non é unha característica propia, senón unha circunstancia”

Unha idea central da guía é a que repetiron moitas persoas sen fogar a Pardo ao longo do proceso: “Vivir na rúa non é unha característica propia, senón unha circunstancia que, insisten, podemos sufrir calquera de nós. A moitas persoas non se lles pasaba pola cabeza estar na rúa o día antes de atoparse nela”. Son esas circunstancias as que, segundo o xornalista, contribúen a “ver detrás dos tópicos”.

A primeira reunión para elaborar a guía, en novembro de 2018, confrontou o día a día xornalístico cos seus erros á hora de informar sobre as persoas sen fogar. Pardo trasladou o contexto dos medios, “o tempo pegado ao cu, a precariedade, tratar de evitar repeticións, mesmo empregar unha palabra porque outra non entra no titular”. Con todo, anima as redactoras a “dar unha volta” á información, e que iso contribúa a evitar tópicos e tratamentos discriminatorios. “Sobre todo nun momento coma este, no que hai ideas que sinalan aos máis febles como culpábeis de todos os males”, salienta.

A experiencia na rúa retratada no papel

As ilustracións da guía correron a cargo de Miquel Fuster, quen retrata unha realidade que coñece ben após vivir máis de quince anos nas rúas. Os seus debuxos a lapis acompañan as cifras que achega Cruz Vermella no seu informe. “Baseeime en recordos e fotografías das persoas que coñecín na rúa, persoas reais. As expresións, as situacións, todas elas reflicten a miña experiencia e acompañan as análises de datos de quen vive na rúa”, conta a Sermos Galiza.

A guía coordinada por Pardo con debuxos de Fuster poderá consultarse proximamente na páxina web da Xunta da Galiza e da Cruz Vermella. Resultado da colaboración que desenvolven ambas entidades desde hai moitos anos é o Estudo da situación das persoas sen fogar de 2017.