Os contaxios de SARS-CoV-2 volven subir de carón á presión hospitalaria

Paciente de Covid-19 nunha imaxe de arquivo. (Foto: Halfpoint)
O último reporte de Sanidade corrobora a baixada das infección activas de Covid, o que non evita que os contaxios e o número de pacientes nos hospitais volva subir.

Prosigue a tendencia cara abaixo dos casos activos de Covid-19 na Galiza, revelan os datos da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellaría de Sanidade, que informa no último reporte de 67.350 infeccións, arredor de 4.000 menos que o no día anterior.

Non obstante, esa tendencia non se mantivo no tocante aos contaxios, que após baixar durante tres días volveron sufrir un incremento de 500 persoas para quedar en 4.843, con datos recollidos entre as 18 horas do domingo e a mesma hora da segunda feira.

Tamén se intensifica a presión hospitalaria. Até 638 persoas, sumando as nove que ingresaron nas últimas 24 horas, están sendo atendidas nos hospitais galegos. 50 delas reciben tratamento en Unidades de Coidados Intensivos -tres máis- e 588 en outras unidades de hospitalización, nove máis.

A taxa de positividade das probas PCR redúcese en dous puntos porcentuais e fica en 17,3%, en todo caso, moi por riba do 5% de positividade que determina a Organización Mundial da Saúde para dar por controlada a pandemia.

Infeccións por área sanitaria

A sete áreas sanitarias galegas reflexan a diminución no número de casos activos de SARS-Cov-2, o que non evita que a de Vigo se manteña á cabeza, con 17.578 infeccións; seguida da da Coruña e Cee, con 14.415; Santiago e Barbanza, con 10.288; Pontevedra e O Salnés, con 7.920; Ourense, con 7.045; Lugo, con 6.871; e á cola mantense a de Ferrol, con 3.233.

Falecementos

A Consellaría de Sanidade informou na noite da segunda feira de 12 novas defuncións con Covid-19, polo que o número de mortes desde o comezo da pandemia en marzo de 2020 alcanza as 2.893.