Os contaxios volven baixar dos 300 casos

Persoal conversando ás portas da residencia das Gándaras, en Lugo (Carlos Castro / Europa Press).
As infeccións activas superan lixeiramente os 6.000 casos e a presión hospitalaria volve baixar, con cinco hospitalizados menos.

Os indicadores dos datos de evolución da pandemia publicados este domingo pola Consellaría de Sanidade reflicten que, en termos xerais, unha estabilización da situación na Galicia. Os novos contaxios non superan os 300 e a taxa de positividade das PCR (o número de positivos por cada 100 probas realizadas) volve estar por baixo do límite do 5% que marca a Organización Mundial da Saúde (OMS) para dar por controlada a pandemia.

Alén diso, os casos activos baixan até as 6.116 infeccións e a presión hospitalaria descende ao rexistrar cinco hospitalizados menos nas últimas 24 horas, co que son 151 os hospitalizados en planta e 46 en críticos nos hospitais galegos.

Segundo notificou o Sergas, na última xornada detectáronse 51 novos contaxios na área sanitaria da Coruña, 45 na área de Lugo, 41 na área de Santiago, 26 na área de Vigo, 23 na área de Ourense, 6 na área Sanitaria de Ferrol e 14 contaxios novos na área de Pontevedra .

Tendo en conta estes contaxios e as últimas altas epidemiolóxicas (715), o número de casos activos de Covid na Galiza sitúase en 6.116, 512 casos menos que hai un día.

Así, os casos activos descenden en todas as áreas. Desta maneira, A Coruña continúa á cabeza da relación de casos activos, con 1.516 (100 menos); seguida pola área de Lugo, con 1.243 casos (72 menos); e pola de Santiago, con 1.132 infeccións (96 menos).

A área de Vigo rexistra 909 infeccións, após recibir o alta 90 persoas; na de Ourense hai 593 casos (53 menos); na de Pontevedra hai 371 casos (58 menos); e na de Ferrol son 352 infeccións activas (43 menos).

Presión hospitalaria

Con respecto á presión hospitalaria, nas últimas horas contabilizáronse 46 pacientes en UCI (dúas menos nas últimas 24 horas) e 151 hospitalizados en unidades convencionais (tres menos).

Por áreas, a carga asistencial baixa en parte das zonas sanitarias. As baixadas máis pronunciadas rexístranse na de Lugo, hai 24 pacientes en unidades convencionais (seis menos) e catro en UCI (un máis); e na de Vigo, onde hai 23 hospitalizados en planta (dúas menos) e oito en críticos (tres menos). Tamén baixa na área coruñesa, que mantén 38 camas ocupadas en planta pero conta con 13 en UCI (unha menos).

A área de Santiago, pola súa banda, continúa por terceiro día consecutivo con 17 hospitalizados en unidades convencionais e catro en críticos.

A cara máis negativa preséntana as áreas de Ferrol, Pontevedra e Ourense. Na ferrolá, aínda que hai un hospitalizado menos en UCI, hai 20 camas ocupadas en unidades convencionais (catro mais); na de Pontevedra tamén sobe levemente, cun paciente máis en planta (10) e un máis en UCI (4). A mesma liña segue Ourense, que mantén a 19 hospitalizados en planta, pero conta cun máis en críticos (7).

Persoas curadas, falecidas e probas PCR

Con respecto ás persoas que superaron a Covid-19, segundo os datos de Sanidade estas son xa 171.249, após recibir o alta nas últimas horas outras 715 persoas. Por contra, desde o inicio da pandemia faleceron 2.582 persoas, todas con patoloxías previas.

Tal e como informou o departamento da Xunta, todos presentaban patoloxías previas e permanecían ingresados no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña.

Concretamente, os falecementos producíronse o 3 de setembro e corresponden a unha muller de 76 anos, outra de 93 anos e un home de 83 anos.

Con respecto ás probas PCR, realizáronse desde o comezo da pandemia unhas 2.764.779 probas. Doutra banda, o índice de positivos detectados baixou e situouse no 4,42%, co que queda por baixo da marxe do 5% marcado pola OMS para dar por controlada a pandemia.