Os contaxios redúcense lixeiramente a 648 mais a taxa de positividade repunta a un 6%

Realización de probas PCR na área sanitaria de Compostela (Imaxe: Sergas).

As persoas con Covid-19 hospitalizadas na Galiza volvéronse reducir con respecto á xornada anterior en 61 e sitúanse en 1.084, delas 228 en UCI. Tamén os casos activos seguen a tendencia descendente e caen en 749 até os 15.894.

Así se constata nos datos publicados na mañá da sexta feira pola Consellaría de Sanidade con rexistros até as 18 horas da quinta feira, nos que se reflicte que hai 856 persoas con coronavirus en unidades de hospitalización convencionais, 55 menos que a xornada anterior, e 228 en UCI, seis menos.

Os pacientes ingresados con Covid-19 descenden en seis das sete áreas sanitarias galegas, mentres que na de Vigo, aínda que se manteñen en 27 os hospitalizados en UCI, soben a 122 -cinco máis- os que permanecen noutras unidades.

De novo o maior descenso de pacientes ingresados corresponde á área da Coruña e Cee, onde hai 75 en UCI -un menos- e 215 noutras unidades -19 menos-; seguida da de Pontevedra e O Salnés, con 20 -sen cambios- e 100 -o que supón 14 menos-, respectivamente.

Na área de Ferrol soben en dous os pacientes con Covid en UCI até os 23, pero baixan a 119 os que están noutras unidades -14 menos-; mentres que na de Santiago e Barbanza caen a 40 o críticos -seis menos- e baixan a 97 os doutras unidades -cinco menos-.

Pola súa banda, no distrito sanitario de Lugo descenden a 25 as persoas ingresadas en UCI con coronavirus -unha menos- e a 66 as que permanecen noutras unidades de hospitalización -cinco menos-; e na de Ourense 18 continúan en críticos e baixan a 137 as que se atopan noutras unidades -tres menos-.

Casos activos

Galiza conta a día de hoxe con 15.894 casos activos, o que supón 749 menos que a xornada anterior e máis de 3.350 menos que ao comezo desta semana, na que se mantivo até o momento a tendencia descendente.

Esta sexta feira, os casos activos descenden en todas as áreas sanitarias que rexistran 4.590 no caso da Coruña e Cee; 2.626 na de Vigo; 2.188 na de Santiago e Barbanza; 2.027 na de Pontevedra e O Salnés; 1.569 na de Ourense; 1.457 na de Ferrol; e 1.437 na de Lugo.

Baixan os contactos detectados mais tamén descende o número de probas

Así mesmo, redúcense lixeiramente, os contaxios diarios detectados por diferentes probas a 648. Así, os contaxiados soben a 107.316, deles 25.243 corresponden á área da Coruña e Cee; 20.231 á de Vigo; 17.338 á de Santiago e Barbanza; 14.216 á de Ourense; 11.628 á de Pontevedra e O Salnés; 11.153 á de Lugo; e 7.507 á de Ferrol.

Deses 648 novo contaxios, 603 foron positivos confirmados por PCR nas últimas 24 horas. Deles, 232 na área da Coruña; 91 na de Vigo; 68 na de Pontevedra e O Salnés; 62 na de Lugo; 56 na de Ferrol; 52 na de Santiago e Barbanza; e 42 na de Ourense.

Realizáronse 1.556.867 PCR até a data, o que supón un incremento de 9.739 con respecto ás rexistradas até a quinta feira.

No que respecta á taxa de positividade -porcentaxe de infeccións por test PCR realizados- repuntou a un 6% tras roldar o 5% a xornada anterior despois de baixar a un 4% a segunda feira por primeira vez desde o 24 de decembro e situarse nun 3,6% esta terza. Con todo, colócase de novo sobre o 5% que marca a Organización Mundial da Saúde (OMS) para dar por controlada a pandemia.

2.056 persoas falecidas

Galiza rexistrou 2.056 falecidos con Covid-19 desde o inicio da pandemia, despois de comunicar esta quinta feira Sanidade 17 novos falecementos correspondentes a varios días.