Os contaxios non dan tregua: 734 novos positivos en 24 horas

Persoal sanitario (Europa Press)
Os casos activos sitúanse en 9.895.

Os contaxios de coronavirus Covid-19 volveron repuntar na Galiza após confirmarse 734 por PCR nas últimas 24 horas, deles 240 na área de Vigo.

Ademais, os casos activos aumentaron noutros 253 até situarse en 9.895, e increméntanse en todas as áreas agás nas de Ourense e Santiago.

Os pacientes con Covid-19 hospitalizados na Galiza aumentaron até 577, o que supón 14 máis que os rexistrados onte, mentres que os ingresados en UCI son 79, un menos.

Así se desprende dos datos actualizados na mañá de hoxe na web da Consellería de Sanidade con cifras actualizadas até as 18:00 horas desta cuarta feira, nas que se reflicte que, após a área de Vigo, a da Coruña e Cee é a que rexistra máis casos de Covid confirmados por PCR nas últimas 24 horas, con 117; seguida de Pontevedra, con 95; as de Santiago e Barbanza e Ferrol, con 81 en cada caso; Lugo, con 75; e Ourense, con 45.

Se se teñen en conta as altas rexistradas con respecto a onte (498 máis), o incremento de casos activos (253 máis) e as persoas falecidas (nove máis), os contaxios soben nuns 760 na Galiza, deles 734 confirmados por PCR nas últimas 24 horas.

En canto aos casos activos de Covid-19, ascenden en todas as áreas sanitarias agás nas de Ourense e Santiago. En concreto na primeira baixan a 1.152 -59 menos- e na segunda a 1.338 -12 menos-.

Por contra, soben a 2.388 na de Vigo, o que supón 117 máis; a 1.737 na da Coruña e Cee, 69 máis; 1.137 na de Pontevedra e O Salnés, 40 máis; a 1.094 na de Ferrol -un aumento de 65- e a 1.049 na de Lugo -33 máis-.

Na Galiza morreron até o momento 960 persoas con Covid-19.Esta mesma semana, a segunda feira, rexistrouse o maior número de mortes diarias notificadas por coronavirus nesta segunda onda da pandemia e con cifras que se remontan a principios do mes de abril.