Os contaxios de maiores en residencias suman xa 340

Residencia DomusVi enOuteiro de Rei (Europa Press)

Un novo foco no centro de Salvaterra do Miño, que acaba de ser intervido pola Xunta, engade 42 novos positivos de persoas usuarias e 26 profeisonais de xeriátricos. 

Con 86 novos contaxios, oito altas e cinco falecementos nunha xornada, segundo os datos da Consellaría de Política Social, as residencias de maiores chegaron na tarde desta terza feira, 27 de outubro, ás 340 persoas usuarias contaxiadas, 73 máis que o día anterior.

O groso dos novos positivos responde ao foco de coronavirus detectado no centro de maiores de Salvaterra do Miño, que afecta 84 residentes –42 no día de onte– e 26 profesionais.

Tras coñecerse a situación desta residencia xeriátrica, a Xunta anunciou a súa intervención e o reforzo do seu persoal, co obxectivo de "garantir a calidade asistencial" e a "correcta protección" da saúde tanto do colectivo residente como do profesional.

Un equipo do Sergas foi desprazado ao centro para realizar un seguimento médico permanente sobre a situación e da correcta aplicación das medidas de prevención, seguridade e hixiene fronte á Covid-19 aprobadas pola Xunta.

No cómputo de novos casos en centros de maiores non aparece, porén, o abrollo do que deu conta esta terza feira Rede, a federación galega de asociacións de familiares e persoas usuarias de residencias e da dependencia, no centro DomusVi de Ribadumia. Segundo esta fonte, 23 persoas deron positivo esta terza, até sumar 26 casos.

Tras dar a coñecer o dato, a Rede acusa DomusVi de "conduta criminal nas súas residencias", con casos de coronavirus nun terzo delas, e culpa a empresa de operar, no caso concreto de Ribadumia, "sen EPI, sen control de hixiene, sen persoal suficiente, sen uniformes e sen reunións de comité de e saúde".

No aumento de positivos si se contan os novos casos detectados na residencia pública de Nosa Señora das Milagres en Barbadás, que esta terza feira engadiu 19 novos positivos ao foco detectado a pasada fin de semana, até chegar ás 76 residentes afectadas.

A respecto deste centro, o PSdeG presentou unha batería de iniciativas parlamentarias nas que exixe á Xunta que dea conta no Parlamento das medidas preventivas e da situación dos cadros de persoal destes centros, sinaladamente no de Barbadás, así com dos "recursos, protocolos e actuacións levadas a cabo" e datos diarios de contaxios en cada un deles. 

As últimas cifras trasladadas desde a Xunta sinalan a residencia de Salvaterra de Miño, con 84 casos, como a que máis persoas usuarias ten afectadas polo virus, seguida da dos Gozos, en Pereiro de Aguiar, con 79, a de Nosa Señora das Milagres de Barbadás, con 76, e a de Nosa Señora dúas Anxos de Ribadavia, con 19.

Atendendo aos equipos profesionais, os centros con máis contaxios son o de Pereiro de Aguiar, con 41, a residencia pública de Barbadás, con 36, e a de Salvaterra de Miño, con 26. En total, hai 209 traballadores e traballadoras afectadas por coronavirus nestes centros, dos que 52 casos foron detectados nas últimas horas. 

Nos centros galegos de atención a persoas con discapacidade hai na actualidade 17 persoas usuarias contaxiadas, das que 16 están na DomusVi Bóveda e 21 profesionais, 14, no mesmo local residencial de Bóveda.

Onde está máis de 40% dos falecementos

As residencias acumulan, segundo os últimos datos do Sergas, 170 dos falecementos por coronavirus na Galiza, aos que hai que sumar 213 casos máis que se produciron en centros hospitalarios pero cuxas vítimas eran residentes. Iso supón que 43,5% da mortalidade está vinculada a estes recintos, que na segunda vaga da pandemia suman xa 104 decesos e 549 casos, entre persoal usuario e profesional.