Os contaxios estabilízanse lixeiramente, con Vigo como a área con máis positivos

Unha muller recolle cafés nun estabelecemento de Ribadavia. (Foto: Europa Press)
As máis de 8.000 PCR realizadas, que baixan en 700 a respecto de onte, rexistran 5,7% dos casos positivos. Santiago, Ferrol e Pontevedra colócanse por debaixo de 5%, o limiar da Organización Mundial da Saúde para considerar a pandemia controlada.

O número de novos positivos na xornada de hoxe é de 489, unha baixada en relación aos 640 notificados o sábado. A tendencia deixa caídas en todas as áreas sanitarias, agás pequenas repuntas na Coruña-Cee e Santiago-Barbanza.

Segundo os datos da Consellaría de Sanidade, a área coruñesa detectou 104 infeccións máis que o día anterior. Santiago-Barbanza, pola súa banda, deu conta de 63 casos novos, un aumento de 11 fronte ao parte anterior.

Vigo volta a ser a área sanitaria que concentra un maior número de positivos, con 149. Porén, isto implica unha baixada de 65 sobre o sábado.

Tamén baixan os contaxios diarios na área de Lugo-A Mariña-Monforte, con 62 (52 menos); Pontevedra-O Salnés, con 50 (14 menos); Ourense-Verín-O Barco de Valdeorras, con 39 (4 menos); e Ferrol, con 22 (28 menos).

Máis de 8.000 PCR, cun 5,7% de positivos 

O número de PCR realizadas é, con todo, arredor de 700 menos que a xornada anterior, concretamente de 8.327 probas. A positividade destas colócase en 5,7%, cifra que baixa e se achega ao 5% que marca a Organización Mundial da Saúde para considerar controlada unha pandemia.

Das sete áreas sanitarias, as de Santiago-Barbanza (2,7%), Ferrol (3,4%) e Pontevedra-O Salnés (4,4%) están xa por baixo do límite. As taxas máis altas están na Coruña-Cee (8,6%), Vigo (7,1%), Ourense-Verín-O Barco (6,8%) e Lugo-Monforte-A Mariña (5,9%).

Baixan os casos activos en todas as áreas

Os datos de Sanidade tamén dan conta de 749 altas nas últimas 24 horas, co que o total de curados desde o comezo da pandemia é de 35.003.

Porén, na tarde do sábado a Consellaría notificaba seis falecementos con coronavirus, polo que o cómputo global de vítimas mortais na Galiza é xa de 1.062.

Os casos activos baixan en 256, polo que o total de pacientes con Covid-19 detectada é de 9.298. Todas as áreas sanitarias rexistran un descenso.

Vigo mantense coa maior incidencia, con 2.442 (66 menos ca onte), seguido da Coruña, con 1.820 (27 menos), e Pontevedra, con 1.267 (10 menos).

Igualmente, baixan os pacientes de coronavirus na área de Lugo a 1.062 (47 menos), en Santiago a 1.041 (44 menos), en Ferrol a 841 (32 menos) e en Ourense, que se coloca como a que menos casos activos ten, con 825 (31 menos).