Os contaxios diarios rexistrados chegan a unha nova marca nesta sexta vaga: 1.631

Cola para facer unha PCR no CHUS, Compostela (Foto: Arxina)
O número de persoas coa enfermidade elévase a 17.227, aínda que se reduciu levemente a presión hospitalaria, con 4 persoas menos na UCI (baixan a 46) e 5 persoas menos en 'planta' (baixan a 228).

Os contaxios diarios de Covid-19 en Galiza non dan tregua e, nas últimas horas, chegaron a unha nova marca desta sexta vaga, con 1.631 casos novos diagnosticados, de maneira que o número de persoas coa enfermidade elévase a 17.227, aínda que se reduciu levemente a presión hospitalaria, con 4 persoas menos na UCI (baixan a 46) e 5 persoas menos en 'planta' (baixan a 228).

Así se reflicte nos datos feitos públicos esta cuarta feira pola Consellaría de Sanidade (con información recollida até as 18 horas da terza feira), nos que se recollen 1.631 contaxiados máis con respecto ao día anterior, e que supoñen 591 novos casos máis que os diagnosticados 24 horas antes. Destemodo, e descontando as altas epidemiolóxicas e falecementos, en Galiza hai 17.227 casos activos de Covid, 974 casos máis que o día anterior.

Os novos contaxios subiron en todas as áreas sanitarias, especialmente na de Vigo, onde se concentran máis dun terzo dos casos diagnosticados nas últimas horas. Así, na área viguesa detectáronse 594 casos novos e o número de persoas coa infección activa ascende a 5.706 (424 máis); na área sanitaria da Coruña-Cee, detectáronse 228 infeccións novas e o número de casos activos ascende a 2.678 (148 máis); mentres que na área de Pontevedra-O Salnés, houbo 174 contaxios novos e o número de casos activos subiu a 2.575. Na área sanitaria de Ourense, Verín e Barco de Valdeorras, os novos contaxios son 182 mais, no entanto, é a única área galega que consegue reducir o seu cómputo global de casos activos, que se sitúa en 2.527 (20 menos).

Na área de Santiago-A Barbanza detectáronse nas últimas horas 267 novas infeccións e o número de casos activos subiu a 1.946; na área de Lugo, Monforte e A Mariña, rexistráronse 124 contaxios novos e o número de casos activos sobe a 1.153 (87 enfermos máis); e na área de Ferrol, hai 62 contaxiados máis e o número de enfermos coa infección activa ascende a 642 (38 máis).

Con respecto á presión hospitalaria, nas últimas horas reduciuse lixeiramente, ao baixar os ingresados en UCI a 46 (catro menos) e os ingresados en 'planta' a 228 (5 menos).

Os últimos decesos comunicados polo Sergas son os dun home de 48 anos de idade que estaba ingresado no Hospital Álvaro Cunqueiro, outro home de 95 anos que estaba no CHOP, e outro home de 90 anos, falecido no Hospital do Salnés. Tamén se notificou o falecemento de dúas mulleres: unha de 91 anos de idade ingresada no CHUO e outra de 76 anos, que estaba no CHUAC.

Segundo os datos publicados polo Ministerio de Sanidade (actualizados a 20 de decembro), a Incidencia Acumulada a 14 días en Galiza sitúase en 567,06 casos por 100.000 habitantes, mentres que a media dno Estado está en 609,38 casos.

En canto á positividad das probas PCR (o número de test positivos por cada centenar realizado), Sanidade notificou unha positividade nas últimas horas do 15 %,por riba do 5 % que fixa a OMS como límite para dar por controlada a pandemia.