Frea a evolución da Covid: a curva de contaxios comeza a ceder e baixan as hospitalizacións

Cribado con tests de antíxenos no pavillón O Aguillón da Rúa de Valdeorras. (Foto: Xunta da Galiza).
A situación epidemiolóxica mellora na Galiza cun descenso xeneralizado dos indicadores ao reducirse a 837 os novos contaxios de Covid-19 e baixar a 303 os hospitalizados por coronavirus.

Segundo os datos actualizados na mañá desta terza feira pola Consellaría de Sanidade con rexistros de até as 18 horas da segunda feira, as persoas ingresadas pola Covid-19 en unidades de coidados intensivos descenden lixeiramente a 42 -unha menos-, mentres que os hospitalizados noutras unidades redúcense a 261, o que supón 24 menos. Ademais, hai 18.468 pacientes en seguimento nos seus domicilios.

Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria alíviase en todas, salvo na de Ferrol, que se mantén sen cambios con seis pacientes en UCI pola Covid e 19 noutras unidades.

Casos activos en descenso

Tamén se reducen os casos activos de Covid por segunda xornada consecutiva até os 18.771, 36 menos que a xornada anterior.

Con respecto a hai unha semana, os rexistros apuntan 710 infeccións activas máis que as 18.061 contabilizadas o pasado 27 de xullo.

Por áreas sanitarias, baixan nas de Ourense (-48), Santiago (-42), Pontevedra (-31) e Lugo (-26) e aumentan nas da Coruña (+89), Vigo (+13) e Ferrol (+9).

Así, con máis infeccións activas continúa a área de Vigo, con 4.590, seguida da da Coruña, con 4.091; Pontevedra, con 2.894; Santiago, con 2.260; Lugo, con 2.231; Ourense, con 1.715 e Ferrol, con 990.

Novos contaxios

Doutra banda, Galiza mantén a tendencia descendente nos contaxios ao anotar menos de mil novos positivos por segunda xornada consecutiva. Suma 837 dos cales, 272 corresponden á Coruña, 186 a Vigo, 108 a Pontevedra, 101, a Lugo, 91 a Santiago, 35 a Ourense e 44a Ferrol.

Porén o último balance do Sergas recolle 878 positivos confirmados por Probas Diagnósticas de Infección Activa (PDIA) no último día, un reconto que pode corresponder a casos activos doutras xornadas distintas ás que se realiza unha nova proba diagnóstica.

A incidencia acumulada por grupos de idade segue a destacar entre a poboación máis nova pendente da vacinación. Segundo datos do Ministerio de Sanidade, supera os 2.250 casos por 100.000 habitantes, a máis alta do Estado, entre o colectivo de 20 a 29 anos e os 1.930 entre a poboación de 12 a 19.

Porén, a tendencia nos últimos 14 días apunta un descenso entre os grupos mozos e un incremento entre os maiores de 40.

Falecementos

As persoas falecidas diagnosticadas con Covid-19 en Galicia ascenden a 2.474 após notificar as autoridades sanitarias esta segunda feira dez falecementos, todos eles de pacientes con patoloxías previas. Trátase da cifra máis alta comunicada nunha xornada, aínda que as mortes se produciron entre o pasado 30 de xullo e o 2 de agosto.