Os contaxios de Covid baixan até os 1.637, pero repunta a presión hospitalaria, con 426 ingresados

Test de antíxenos da Covid (Foto: Jesús Hellín / Europa Press ).
As infeccións activas tamén descenden até as 17.023, así como a taxa de positividade, en 15,31%

As infeccións activas na Galiza descenden após varios días de suba, e quedan en 17.023 (84 menos). Baixan tamén os novos contaxios, 1.637 casos novos nas últimas 24 horas (296 menos que a xornada anterior) e a taxa de positividade, en 15,31%. Por contra, a presión hospitalaria repunta lixeiramente, con 426 hospitalizados (nove máis).

Isto é o que se desprende dos datos actualizados polo Servizo Galego de Saúde este domingo, con rexistros de até as 18 horas do sábado, e recollidos por Europa Press. Así, dos 426 ingresados, 395 permanecen hospitalizados en unidades convencionais (oito máis) e 31 en UCI (un máis).

No que respecta ás áreas sanitarias, a carga asistencial aumenta en tres, descende noutras tres e mantense sen cambios na de Ferrol, que continúa con 34 pacientes en planta e dúas en UCI. Así, a de Ourense conta con 63 pacientes en planta (dúas máis) e tres en coidados intensivos (sen cambios); a da Coruña, con 82 hospitalizados en unidades convencionais (seis menos) e sete en UCI (un máis); e de Santiago, con 68 pacientes en planta (un menos) e oito en críticos (sen cambios).

Doutra banda, a área de Pontevedra conta con 57 ingresados en unidades convencionais (dúas máis) e catro en críticos (sen cambios); a de Lugo, con 42 ingresados en unidades convencionais (cinco máis) e tres en UCI (sen cambios); e o de Vigo, con 49 hospitalizados en planta (seis máis) e catro en unidades de coidados intensivos (sen cambios).

Por outra parte, os novos contaxios rexistran un descenso após varias xornadas de incremento, con 1.637 casos máis nas últimas 24 horas -296 menos que a xornada anterior-.

Segundo os datos actualizados polo Ministerio de Sanidade, a Incidencia Acumulada sitúase na Galiza nos 722,50 casos por cada 100.000 habitantes. A media do Estado está nos 463,15.

As infeccións activas na Galiza tamén baixan este domingo até as 17.023 (84 menos), ao rexistrarse máis altas (1.717) que contagios (1.637), e ao que se suman catro falecidos. O descenso é xeneralizado, dado que os casos activos só aumentan nas áreas de Ourense, con 2.239 infeccións activas (50 máis); na da Coruña, con 3.350 (80 máis); e na de Ferrol (31 máis).

Por contra, na última xornada Sanidade notificou catro falecementos máis que elevan a 3.125 os óbitos por covid. Os falecementos corresponden ao 4 de marzo; un home de 74 anos da área de Santiago; outro de 92 anos da de Ourense; e dúas mulleres de 88 e 90 anos da área de Pontevedra. Todas, segundo informou Sanidade, presentaban patoloxías previas.