Os contaxios por Covid-19 soben en 214 máis na Galiza

Nas últimas 24 horas aumentaron as persoas ingresadas nos hospitais (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
O último balance da Consellaría de Sanidade indica que houbo outros tres falecementos, dous deles vinculados aos gromos nos centros residencias. A boa nova, dentro da preocupación, é que houbo dúas áreas sanitarias que non rexistraron un aumento no número de casos activos. En vilas como O Incio loitan por recobrar a normalidade.

As novas sobre a expansión do coronavirus na Galiza seguen sen ser boas dado que nas últimas 24 horas houbo 214 novos contaxios malia que tamén se contabilizou máis dun cento de xente curada desta enfermidade.

Ademais, entre onte e esta segunda feira déronse tres novos falecementos, deixando o número total en 662 desde que a pandemia chegou ao país. Se ben é certo que aínda queda para chegar ás 700 vítimas, o ritmo de mortes diarias é bastante elevado. Polo menos dous dos tres enfermos finados na última xornada estaban vinculados a residencias de maiores.

Segundo a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellaría de Sanidade, o último doente que perdeu a vida foi un varón de 90 anos que estaba sendo atendido no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS). Advirten de que padecía outras patoloxías previas.

Até o momento, o Sergas di ter practicado 367.340 probas PCR para detectar os positivos e descartar máis casos. Se se fala de casos activos, estes quedan hoxe nos 4.243.  

A maioría das e dos afectados teñen seguimento domiciliario, pero tamén quen está nas UCI (21) ou en unidades especiais de hospitalización (194). Nestes últimos casos nótanse pequenas subidas.

Por áreas sanitarias

Dentro deste contexto negativo, hai que salientar que entre onte e hoxe non se contabilizaron novos casos positivos nas áreas sanitarias de Vigo (344) e Compostela (688). O maior ascenso tivo lugar na zona de Ourense, onde se sumaron 30 persoas afectadas até quedar en 459.

En Pontevedra o crecemento foi de 20 doentes (343) e na demarcación da Coruña e Cee de 10, o que fai que a cifra chegue xa a 1.424 cidadás e cidadáns, sendo o entorno máis afectado con moita diferencia.

En Lugo xa son 816 pacientes (seis máis que onte) e na área de Ferrol chegan a 159 (dous a maiores).

Un caso especial

A situación da localidade do Incio foi e é unha das que máis preocupa pola afección do virus que houbo no seu centro residencial. No entanto, semella que agora a vila “vai recuperando a normalidade” tras facerse un cribado entre a veciñanza hai só uns días.

As probas deron negativo, non como sucede na residencia, onde segue a haber moita xente contaxiada. Ademais, a instalación xa tivo que lamentar a morte de 15 usuarias e usuarios.

O alcalde, Héctor Corujo, recoñeceu hoxe que “a preocupación se ten desde o primeiro día” e que “a circunstancia é moi dolorosa”.