Os contaxios por Covid-19 dispáranse de novo até os 332

Un traballador limpa as instalacións da residencia de Outeiro de Rei. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

Parte desa suba débese a afección masiva que detectou a Xunta onte na residencia de maiores de Outeiro de Rei, na que deron positivo ás probas 99 persoas máis (entre persoas usuarias e membros do cadro de persoal).

Se hai un día os contaxios baixaban da barreira dos 200 dando a sensación dun maior control da situación, o contaxio masivo detectado no centro residencial DomusVi de Outeiro de Rei non veu só onte. Así, os datos recollidos entre a noite da segunda feira e a noite de onte pola Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade revelan 332 novos afectados polo virus.

Na actualizada hai no país 4.364 casos activos fronte aos 4.230 de referencia, máis o nivel de contaxio foi maior. O que sucede é que este se viu compensado nas cifras polos falecementos (5) e as altas da última xornada 193.

No entanto, a realidade é que 332 persoas máis están ou estiveron afectadas pola enfermidade desde que empezaron a aparecer os novos gromos.

Ademais, faleceron cinco persoas dúas delas vinculadas cos xeriátricos, que están a ser a zona cero da pandemia neste momento. Unha das vítimas vivía na instalación do Incio, moi afectada nas últimas semanas, e outra na DomusVi Lugo, en Outeiro de Rei. Ambos tiñan enfermidades previas.

Polo momento xa se produciron 668 pasamentos na Galiza polo coronavirus, pois déronse outros tres que non tiñan relación con estas instalacións para maiores.

Por zonas sanitarias

Precisamente o adiantamento do segundo centro ao primeiro en número de casos activos de onte, fixo que se multiplicaran os positivos na área sanitaria de Lugo. Así pasouse en só 24 horas de 801 positivos a 920, sendo 99 procedentes da residencia.

A zona da Coruña e Cee volveu experimentar un crecemento de 11 doentes, até os 1.424, e segue a ser a máis afectada. Na demarcación de Pontevedra incrementáronse en 8 as e os pacientes e na de Ferrol en 6.

Por contra, déronse pequenas baixadas en Ourense (462, cinco menos que un día antes); Vigo (344, con dúas afeccións menos) e Santiago de Compostela (659, con outras tres baixas).

Segundo a Xunta xa se curaron 14.158 persoas desde que o virus chegou ao país. Ademais, se practicaron 374.635 probas PCR.