Os casos continúan medrando

Os familiares dos usuarios critican a xestión da pandemia na residencia de Outeiro de Rei

Traballos de limpeza na residencia de Outeiro de Rei. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
Se ben é certo que o 90% das persoas residentes que deron positivo atópanse sen síntomas da Covid-19, máis de 20 usuarios permanecen ingresados no Hospital Universitario de Lugo (HULA), algúns deles na UCI. En termos globais os contaxios abeiran o 80% das prazas que están ocupadas.
Os datos achegados desde a Consellaría de Política Social confirman 142 contaxios entre as persoas usuarias e 24 entre o persoal da residencia DomusVi Lugo, en Outeiro de Rei. Nas últimas horas rexistrouse a morte dun usuario, polo que se duplica a cifra de falecidos. Malia que 90% dos residentes atópanse asintomáticos, máis de 20 usuarios permanecen ingresados no Hospital Universitario de Lugo (HULA), algúns deles na Unidade de Coidados Intensivos. Ao tempo, a cifra de positivos no centro aproxímase a 80% das 184 prazas ocupadas.
 
A porcentaxe de contaxios non lle sorprende a Sonia Jalda. A presidenta de Traballadoras das Residencias da Galiza (Trega) xa advertira nas páxinas de Nós Diario o pasado 5 de setembro que de non producirse de maneira inmediata “a intervención do centro de maiores de Outeiro de Rei” acontecería “o mesmo que en Aldán (Cangas) ou O Barreiro (Vigo)”, en referencia a dúas residencias do mesmo grupo cun elevado numero de usuarios mortos coa Covid-19. Jalda responsabiliza do acontecido no xeriátrico de Outeiro de Rei “á falla de persoal, de equipas de protección individual axeitadas e de profesionais formados. A empresa non dota o persoal do material de protección adecuado, non realiza as probas PCR necesarias e incumpre as ratios de persoal esixidas pola normativa”.

Persoal insuficiente

A insuficiencia de persoal é tamén denunciada polos familiares dos usuarios. A este respecto, o irmán dun residente que quere manter o anonimato sinala, en conversa con Nós Diario, que “están moi xustos de persoal”. “Eu non teño máis que boas palabras para os traballadores, que fan máis do que poden, pero dúas ou tres persoas non poden atender andares con 50 residentes, como observei nas miñas visitas habituais á residencia”, salienta, “ademais estamos falando dunha xente que require atención, que hai darlles de comer, lavalos, levantalos e moitas veces con tan poucos medios resulta imposíbel”. Esta persoa destaca que a de Outeiro de Rei “é a residencia coas tarifas máis elevadas da contorna, onde é case imposíbel atopar praza por menos de 1.500 euros”.
"A situación é xa insostíbel nos dous últimos días, até o punto de que na terza feira non se puxeron en contacto con nós por ningún medio para comunicarnos o estado do noso irmán", sinala un familiar.
As familias dos residentes quéixanse da falla de transparencia na xestión da pandemia. Neste sentido, critican que DomusVi, cando aparecen os primeiros casos, ligase directamente cos responsábeis legais dos residentes mais a medida que a doenza avanzaba polo centro comezase a limitar a información. “Pero a situación é xa insostíbel nos dous últimos días, até o punto de que na terza feira non se puxeron en contacto con nós por ningún medio para comunicarnos o estado do noso irmán e só a última hora, despois de insistir telefonicamente, nos confirmaron que é positivo”, sinala outro familiar a Nós Diario, quen confirmou casos semellantes con parentes doutros usuarios.
 
“As cousas comezaron a empeorar desde que DomusVi se fixo cargo da xestión da residencia”, comenta o neto doutro residente que desexa gardar a súa identidade. “Empeorou a comida, a alimentación e a atención”, apunta así un extremo que tamén é confirmado pola veciñanza de Outeiro de Rei, actualmente moi preocupada pola evolución da pandemia e pola ausencia de resposta dos poderes públicos.

DomusVi volveuno facer

A residencia de DomusVi de Outeiro de Rei é o centro de maiores con máis capacidade das comarcas de Lugo. O xeriátrico dispón de 192 prazas, 37 delas concertadas, e está instalado no inmóbel dun antigo hotel coñecido como Carlos IV. Ao longo de moito tempo, considerouse como unha residencia modélica, mais a calidade asistencial decaeu desde que se fixo cargo da mesma a multinacional DomusVi.
 
DomusVi, o primeiro operador de centros de maiores da Galiza e do Estado, concentrou o groso das mortes producidas nas residencias galegas durante a primeira vaga da pandemia, significándose pola alta letalidade dos seus xeriátricos de San Lázaro en Compostela, Aldán en Cangas e O Barreiro en Vigo. Agora, o portavoz da Federación REDE, Paulino Campos demanda á Xunta da Galiza a intervención de todas as residencias de DomusVi e da Fundación San Rosendo para parar a traxedia. A de Outeiro de Rei está intervida desde a tarde da terza feira.

A residencia do Incio suma 18 mortes

O centro de maiores da Fundación San Rosendo no Incio atópase á cabeza no número de mortes das residencias galegas nesta segunda vaga do coronavirus. Segundo os datos achegados desde a Consellaría de Política Social, este xeriátrico suma 78 positivos entre os usuarios e 30 entre os traballadores. Faleceron 18 persoas desde o comezo deste gromo, que os responsábeis do centro asocian a un traballador contaxiado. O xeriátrico do Incio atópase intervido desde o 20 de agosto, cando a Xunta da Galiza se fixo cargo da xestión diante da incapacidade da titular para facer fronte á pandemia.
O número de contaxios segue estábel neste centro, onde na última xornada cinco traballadores curaron e outros dous pasaron a engrosar a lista de doentes.
O número de contaxios segue estábel neste centro, onde na última xornada cinco traballadores curaron e outros dous pasaron a engrosar a lista de doentes. Neste sentido, o Goberno galego aínda non deu unha data para devolver o control da residencia á Fundación San Rosendo, cubrindo actualmente os postos dos traballadores e traballadoras enfermos con persoal da Consellaría da Política Social e do Servizo Galego de Saúde. O xeriátrico do grupo Orpea en Culleredo e o centro de DomusVi en Lalín sitúanse por detrás das residencias de Outeiro de Rei e do Incio en número de positivos, sumando 29 e 4 usuarios contaxiados, respectivamente.
 
Os centros de discapacidade da Consellaría de Política Social son outro punto quente da pandemia. Así, desde a Xunta da Galiza confirman 11 positivos nas súas instalacións de Oleiros, seis máis que na xornada de onte. Ao tempo, o Goberno galego segue con preocupación a evolución da doenza nos centros de menores, moi particularmente diante do escenario creado polo comezo do curso escolar. Nesta liña, os traballadores dos mesmos urxen á Administración a extremar as precaucións, realizando probas PCR entre o cadro de persoal e os usuarios.