Os contaxios e os casos activos continúan á baixa, mais repunta a presión hospitalaria

Dúas mozas retiran o certificado Covid no punto administrativo de Ourense. (Foto: Xunta da Galiza).
Os contaxios descenden até os 654 e continúan por baixo do milleiro, pero hai 323 persoas ingresadas, 14 máis que na xornada anterior

O número de contaxios detectados en Galiza descende até os 654 -continúa por baixo do milleiro-, así como as infeccións activas, que baixan até as 14.055 -620 menos que a xornada anterior-, mais a presión hospitalaria volve incrementarse, con 323 persoas hospitalizadas por Covid -após baixar o día anterior ás 309-. A taxa de positividade tamén baixa até o 11,59%.

Así o recolle o último balance da situación epidemiolóxica publicado pola Consellaría de Sanidade na mañá deste domingo, con datos até as 18 horas do sábado, e recollida por Europa Press.

En canto á situación nos hospitais, Galiza ten a 323 persoas ingresadas por Covid, 14 máis que na xornada anterior. Deles, 61 están en UCI (+4) e 262 en unidades convencionais (+10).

Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria só descende en tres (Ferrol, Lugo e Santiago), e sobe no catro restantes.

Así as cousas, os casos activos de Covid-19 rexistran un novo descenso e son xa dez días consecutivos nos que se reduce o número de persoas que atravesan a enfermidade.

Deste modo, Galiza tiña a media tarde do sábado 14.055 casos activos, 620 menos que o día anterior. O descenso é máis pronunciado se se comparan cos datos de hai unha semana, cando tiña 3.000 casos activos máis.

Por áreas sanitarias, os casos activos descenden en todas: Vigo (-270), Pontevedra (-108), Ourense (-68), Lugo (-58), Santiago (-46), A Coruña (-43) e Ferrol (-27).

Os contaxios de Covid-19 detectados nun día continúan por sétima xornada consecutiva por baixo do milleiro.

Galiza experimenta unha baixada nos contaxios, con 654 novos, 63 menos que na xornada anterior, cando se rexistraron 717 positivos.

No conxunto de Galiza foron confirmados 661 positivos por Probas Diagnósticas de Infección Activa (PDIA) no último día (que poden corresponder a casos activos doutras xornadas aos que se realiza unha nova proba diagnóstica).

Por áreas, A Coruña e Vigo son as que máis sumaron nas últimas horas, 197 e 156 casos, respectivamente. Após as dúas áreas de influencia das grandes urbes, Pontevedra diagnosticou 90 casos de covid; Lugo, 79; Santiago, 64; Ferrol, 37 e Ourense, 31.

En canto á taxa de positividade das PCR, descende até o 11,59%, após repuntar até o 12,9% na última xornada; aínda moi por riba do 5% que establece a OMS para dar por controlada a pandemia.

As persoas falecidas diagnosticadas con Covid-19 en Galiza ascenden a 2.514 despois de notificar as autoridades sanitarias este sábado outras dúas vítimas mortais, todas con patoloxías previas.