O contaxio de persoas vacinadas triplicouse nestas semanas na Galiza, advirte a Xunta

Un cribado entre a mocidade de Ourense. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)

Oito dos 21 ingresados en UCI en Galiza son menores de 40 e un 80% de contaxiados ten menos deses anos

Oito dos 21 pacientes ingresados pola Covid-19 en hospitais de Galiza ten menos de 40 anos e un 80% dos contaxiados é menor desa idade.

Así o destacou Núñez Feixoo na rolda de prensa para informar as medidas adoptadas polo comité clínico, na que incidiu en que "tamén as persoas mozas sofren consecuencias dramáticas" por este virus.

Feixoo incidiu que a quinta vaga está "centrada en menores de 40 anos" e "con máis intensidade" en mozas de menos de 30, que están "sen vacinar" até a data.

No entanto, puntualizou que os datos epidemiolóxicos de Galicia, con case 13.000 casos activos e 178 hospitalizados, atópanse "lonxe dos niveis de xaneiro", cunha taxa de mortalidade "menor" que os meses anteriores. Admitiu que se trata de datos "realmente preocupantes", pero concretou que os 21 ingresados en UCI en Galicia constitúen "un 91% menos do pico máximo" alcanzado na Galiza.

Sobre a taxa de incidencia a sete días, o presidente resaltou que se sitúa en 300 casos por 100.000 habitantes, fronte á media estatal de 327; mentres que a 14 días está en 466 e a media no Estado español ascende a 622.

O contaxio de persoas vacinadas triplicouse nestas semanas, advirte Núñez Feixoo

En canto aos hospitalizados,asegurou que Galiza está "claramente mellor", cun 2,8% de ocupación de camas UCI, "cinco veces menos" que a media española (12%); e en canto aos hospitalizados en unidades convencionais sitúase nun 2% fronte ao 5,73% da media estatal.

O titular da Xunta afirmou que a situación "empeorou" en Galiza "de forma notábel e intensa", con máis de mil contaxios en 24 horas en varias xornadas seguidas, a causa, sostivo, da "profunda interacción social", en especial entre persoas de grupos "non vacinados".

En concreto, apuntou que os maiores de 80 anos presentan unha taxa de 36 casos por 100.000 habitantes, mentres que o grupo de 12 a 30 anos "supera o mil". Así, incidiu en que no últimos sete días o 80% dos contaxios corresponden a menores de 40 anos, o que reflicte unha situación diferente á de ondas anteriores cun "incremento exponencial" no número de infeccións.

Sinalou que as previsións do comité clínico para os próximos 15 días, de manterse a tendencia actual, avisan de que se poden superar os 400 hospitalizados e cen pacientes en UCI por este coronavirus

Por iso, o presidente da Xunta apelou a "non baixar a garda" e advertiu de que a xente nova "pode estender os contaxios ás persoas vacinadas". "Hai netos que contaxian a pais e avós", afirmou. Respecto diso, Feixoo comentou que "se triplicou" o número de contaxiados de persoas vacinadas e apuntou un incremento tamén de hospitalizados xa inmunizados.

Por todo, iso trasladou a "preocupación", xa que do 11 ao 17 de xullo "duplicouse" a cifra de ingresados en UCI a 21; e triplicouse a de hospitalizados noutras unidades "de 52 a 153", abundou.

Nesta liña, sinalou que as previsións do comité clínico para os próximos 15 días, de manterse a tendencia actual, avisan de que se poden superar os 400 hospitalizados e cen pacientes en UCI por este coronavirus. A iso engade que na segunda semana de agosto póidase alcanzar un pico de mil persoas hospitalizadas en planta pola Covid e 200 en UCI de manterse a tendencia actual.

Por todo iso, apelou os cidadáns galegos a participar nos cribados para detectar casos entre asintomáticos e lamentou que "só acuda un 40%" da poboación menor de 40 anos chamada a someterse ás probas.