Se te contaxias da Covid-19, podes recibir a dose de reforzo da vacina?

Punto de vacinación na Coruña, nunha imaxe de arquivo. (Foto: M. Dylan / Europa Press)
A 'Estratexia de vacinación fronte á Covid-19 en España' coa que traballa o Ministerio de Sanidade revela os pasos a seguir no caso de que padezas o coronavirus coas dúas primeiras picadas xa postas.

Que sucede no caso de que sexas unha das persoas chamadas a recibir a dose de reforzo fronte ao coronavirus e colles a infección? Segundo o Ministerio de Sanidade, terás que agardar polo menos catro semanas despois de que se diagnostique a enfermidade para poder ter a nova inoculación.

Este é o protocolo que aparece recollido no documento marco 'Estratexia de vacinación fronte a Covid-19 en España'. En concreto, após das dúas primeiras doses xa postas con anterioridade e, se hai un contaxio, é preciso que pasen catro semanas para recibir a terceira picada.

Esa é a que está a distribuír nos últimos tempos a Xunta, en paralelo á campaña de vacinación pediátrica na Galiza.

O texto que empregan como guía as autoridades sanitarias explica que se considera que unha persoa ten antecedentes de infección aquela que ten unha proba positiva de infección activa (PDIA) cunha data anterior á vacinación ou un resultado positivo de IgG por serología de alto rendemento, independente da proteína detectada.

Tamén se incluirán como confirmados os casos que consideren os distintos territorios do Estado español, que se incorporan no rexistro SERLAB.

A terceira dose está pautada para maiores de 40 anos a partir dos seis meses da última administración.

No entanto, Sanidade insiste en que ese tratamento é prioritario en persoas que vivan en centros de maiores ou noutras instalacións sociosanitarias e sanitarias, con independencia da súa idade.

Tamén alude especialmente ás maiores de 70 anos, ás que estean comprendidas na franxa de idade dos 60 aos 69 anos, ao persoal sanitario e sociosanitario e aqueles individuos que foron tratados con Janssen nun primeiro momento, ademais das que tiveron a mesma pauta de Astrazeneca.