Os contaxiados en residencias volven superar os 300 tras un surto en Salvaterra con 25 afectados

(Foto: Europa Press)

Os usuarios de residencias de maiores da Galiza afectados pola Covid-19 volveron crecer hoxe, superando de novo os 300 casos, tras a detección dun novo brote con 25 contaxios en Salvaterra do Miño.

En concreto, segundo os datos do parte diario da Consellería de Política Social, o total de usuarios afectados aumenta até os 315, boa parte por un brote detectado na residencia de Salvaterra do Miño, que afecta 25 usuarios e tres traballadores.

Ademais, detectáronse cinco novos contaxios de maiores na residencia de Oleiros e doutro da Nosa Señora dos Anxos de Ribadavia.

Así mesmo, déronse de alta tres usuarios da residencia Santa Marta de Vigo. No último parte de Sanidade informaban, ademais, do falecemento de seis usuarios da residencia Os Gozos de Pereiro de Aguiar.

Deste modo, a residencia con máis contaxiados continúa sendo, de feito, a de Os Gozos, con 153 afectados; seguida da residencia Val de Monterrei, con 45; Nosa Señora do Viso de Lobeira, con 33; Salvaterra de Miño, con 25; Ballesol de Oleiros, con 17 contaxiados; DomusVi Lugo de Outeiro de Rei, con 13; As Salinas de Ourense, con nove; e Santa Marta de Vigo, con seis.

En canto aos traballadores, os datos actualizados sitúan en 120 os empregados destes centros con Covid. Na última xornada detectáronse os contaxios dun traballador nas residencias Casar A Zapateira de Culleredo, Fundación José Otero, Val do Dubra, Castro Ribeiras de Lea, A nosa Señora das Dores de Forcarei e Santa Marta de Vigo.

Pola súa banda, os centros de atención a persoas con discapacidade na Galiza rexistraron un novo contaxio nun usuario da residencia DomusVi Bóveda, que xa ten oito afectados. O outro usuario contaxiado é da residencia Ricardo Baró de Aspronaga, en Oleiros.