Medio Ambiente

Santiago-A Coruña, a ruta máis curta preferida polos 'jets' privados

Os avións privados do Estado español contaminaron tanto en 2022 como 162.567 coches. (Foto: Nós Diario)
Ao longo de 2022 houbo até 45.633 aeronaves deste tipo sobrevoando o Estado español. Os avións privados emitiron o pasado ano 3,3 millóns de toneladas de CO2 á atmosfera na UE, Reino Unido, Suíza e Noruega, o equivalente ao que contamina medio millón de habitantes do espazo comunitario.

O cambio climático avanza para todas as persoas por igual, mais non cada persoa, nin moito menos, achega a mesma cantidade de gases contaminantes á atmosfera cada ano. Os avións privados son un importante axente emisor de CO2, até o punto de que ao longo do pasado ano, só na Unión Europea, Reino Unido, Suíza e Noruega, foron responsábeis de máis de 3,3 millóns de toneladas de dióxido de carbono.

Son datos de Greenpeace, que vén de publicar o informe As emisións de CO2 da aviación privada en Europa, un documento que sinala rechamantes equivalencias. Así, a contaminación dos jets en 2022 foi a mesma que a que produciron no conxunto das súas actividades arredor de 555.000 habitantes da Unión Europea entre xaneiro e decembro.

En total houbo 572.806 voos privados en 2022, o que se traduce nun considerábel incremento a respecto da anualidade anterior (350.078), marcada por un contexto no que a pandemia da Covid-19 aínda provocaba certas limitacións á mobilidade.

No caso concreto do Estado español, foron 45.633 os jets privados que sobrevoaron os seus ceos —oito de cada 100 da suma da UE, Reino Unido, Suíza e Noruega—, o que ocasionou unhas emisións á atmosfera de perto de 243.900 toneladas de CO2. Ou, o que é o mesmo, a contaminación provocada por 162.567 coches en todo o ano.

O número de voos privados incrementouse tamén no conxunto do Estado até case duplicarse, pois en 2021 foran 26.239. Só nos últimos tres anos, inciden desde Greenpeace, os jets emitiron neste territorio até 389.000 toneladas. O de Palma de Mallorca foi o oitavo aeroporto europeo máis frecuentado por este tipo de aeronaves, e os que rexistraron máis actividade a nivel estatal foron, após o citado, os aeródromos de Eivissa e Madrid-Barajas.

Mais se hai un dato que chama especialmente a atención é a ruta máis curta percorrida durante o pasado ano por, cando menos, dez avións: é o traxecto entre Santiago de Compostela e A Coruña, dispoñíbel a só media hora por tren e a pouco máis por estrada en autobús con múltiples frecuencias, subliña o colectivo ecoloxista. E iso non impide, porén, que haxa quen bote man do jet para viaxar entre dúas cidades separadas por só 55 quilómetros polo ar.