A contaminación do mar a debate

Ría do Burgo [Imaxe de arquivo]

Este sábado 4 de xuño AGE Europa organiza unhas xornadas sobre a problemática da contaminación do medio mariño nas pescas e o marisqueo da UE no Centro Cultural Carvalho Calero de Ferrol.

Através de distintas mesas de debate o sector do mar abordará situación medioambiental actual através dunha radiografía xeral para a continuación ir debruzándose sobre distintos ámbitos como a contaminación das rías galegas, a Economía Azul ou distintas experiencias traídas doutros territorios do Estado español como o Proxecto EcoPortos ou a campaña contra as prospeccións de hidrocarburos no País Valenciá. 

"Todas as rías foron evolucionando a mellor menos a de Pontevedra"

Nas xornadas, organizadas pola europarlamentar de AGEe, Lidia Senra, en colaboración co grupo Esquerda Unitaria Europea-Esquerda Verde Nórdica, participará como introdutora e moderadora dunha das mesas Marina Buceta, vice-patroa da Confraría de Mariscadoras a pé de San Telmo que desenvolven a súa actividade na ría de Pontevedra. 

En conversa con Sermos Galiza Buceta sinala que se ben "todas as rías foron evolucionando a mellor" nos últimos dez anos "a nosa foi a peor". En boa medida, subliña, porque "non hai saneamento" por mor dunha depuradora "feita hai moitos anos" e pensada para unha poboación con menos habitantes dos que ten a día de hoxe o Concello de Poio "onde temos as nosas praias", di. 

Esta infraestrutura fica pequena na actualidade "cando se enche bota a canón libre" as augas fecais "directamente na ría". Por esta razón, "0 60%" da área de Placeres, onde traballan, foi catalogada en 2006 como Zona C pola Consellaría do Mar, unha catalogación que impide o marisqueo nestas áreas de produción, un total de 12 en toda Galiza. 

"A ría acabásenos"

"A ría acábasenos", lamenta Marina Buceta que urxe a actuación das administracións públicas, desde o concello até a Xunta. "Queremos solucións" porque "isto morre". 

Neste senso, asegura que "xornadas coma esta son moi úteis" porque "aprendes moito" e serven, subliña, para "xerar conciencia" sobre a realidade dun sector económico estratéxico para Galiza que emprega, directamente, perto de 20 mil persoas. 

Podes consultar o programa completo das xornadas premendo nesta ligazón