A contaminación do ar nas 7 cidades galegas ten custo: 808 millóns de euros anuais

A contaminación do ar, un problema en aumento (Foto: Europa Press)
808 millóns de euros anuais é o que lle custa ás sete urbes galegas os gastos asociados á contaminación do ar.

808 millóns de euros cada ano. Isto é o que lles custan ás sete cidades galegas os gastos asociados á contaminación do ar. Esta é a cifra que se extrae dunha análise elaborada pola consultora holandesa CE  Delft. Este estudo investiga os custos sociais para a saúde da polución en 432 cidades europeas de 30 países (os 27 máis Reino Unido, Noruega e Suíza), tamén as galegas.

A polución repercute nos sistemas sanitarios e teñen unha influencia nos gastos directos (ingresos hospitalarios, por exemplo) ou no impacto global sobre a saúde (redución da esperanza de vida, enfermidade pulmonar  obstrutiva crónica…).

Para as 432 cidades, nas que viven uns 130 millóns de persoas, cuantificouse un impacto económico de 166 billóns de euros. Os datos están extraídos fundamentalmente da oficina estatística da Comisión Europea,  Eurostat. Na Galiza analizáronse as sete principais cidades e o resultado indica que ese custo suma máis de 800 millóns de euros

Por habitante

En cantidade absoluta A Coruña é a que paga maior custo pola contaminación do seu ar: 252 millóns de euros anuais. A seguir están Vigo (219 millóns) e Ourense (86 millóns ao ano). En Compostela é de case 73 millóns de euros, en Lugo 71 millóns e en Pontevedra 68. A cidade galega que menos custo paga é Ferrol, con 40 millóns de euros anuais.

Mais se facemos a repartición por habitante, podemos ver como esa polución atmosférica sáelle a cada habitante da Coruña a 1033 euros cada ano.  En Pontevedra o custo por pontevedrés / pontevedresa é de 824 euros e en Ourense é de 812 euros ao ano por cada habitante. Esas tres cidades son o 'podio' en custo por veciño da contaminación do ar. En Vigo cada vigués ou viguesa tería que sacar do seu peto 747 euros ao ano, en Santiago, 756, en Lugo 723 e en Ferrol, 588.

Orixe

A actividade industrial e os medios de transporte son dous dos focos principais de contaminación atmosférica, especialmente en contornas urbanas. Un de cada tres habitantes da Galiza respirou en 2020 ar prexudicial para a súa saúde malia que nese ano a contaminación atmosférica caeu aos seus niveis máis baixos da última década. Este é un dos datos recollidos nun informe que presentou recentemente Ecoloxistas en Acción.

O informe analizaba os datos recollidos en 57 estacións oficiais de medición da calidade do ar distribuídas por todo Galiza, pertencentes a distintas institucións e empresas. Cómpre salientar que a única estación orientada ao tráfico existente na área metropolitana da Coruña, a da Xunta en Riazor, estivo inoperativa durante todo o ano 2020, por causa das obras no novo espazo público Amizar.
A diminución da mobilidade motorizada pola crise da Covid-19 provocou unha mellora xeral da calidade do aire sen precedentes en Galiza e no resto do Estado español.

Poboación afectada

A poboación máis afectada pola contaminación do aire en 2020 concentrouse na Coruña, Arteixo e Vigo, debido aos niveis de partículas e dióxido de xofre (SO2). “Os niveis do canceríxeno benzo(α)pireno (BaP) na Coruña seguen a ser moi preocupantes. A súa orixe principal semella industrial, mais cómpre un estudo específico sobre a súa orixe e medidas para diminuílos”, indicaba Ecoloxistas.
“Case todos os 800.000 galegos que respiraron aire nocivo para a saúde en 2020 viven nas áreas metropolitanas da Coruña e Vigo e en Arteixo. A refinaría de petróleo de Repsol e outras industrias, así como e os tráficos urbano e portuario, son as causas da mala calidade do aire nestas zonas”. 

Á marxe das industrias xa mencionadas, tamén se rexistraron niveis prexudiciais de contaminación por partículas e/ou dióxido de xofre (SO2) na contorna doutras industrias, caso de Megasa (Narón), Cementos Cosmos (Sarria) e Alcoa San Cibrao.