O cambio climático eleva os niveis de contaminación do ar por ozono na Galiza, agás en Pontevedra

Toma de mostras da calidade do aire na praza de América de Vigo. (Foto: Ecoloxistas en Acción)
A cidade do Lérez ten os rexistros máis baixos deste contaminante de todo o Estado español, segundo un informe de Ecoloxistas en Acción.

As vagas de calor que afectaron a Galiza durante o verán elevaron a contaminación do aire por ozono no país. Así se desprende do informe que vén de facer público Ecoloxistas en Acción, con datos recollidos entre o 1 de xaneiro e o 30 de setembro de 2022 en 32 estacións oficiais de medición da calidade do ar.

Debido ás actuais características climáticas da Galiza, informa o colectivo, a formación de ozono no ar é "moderada", evitando así "que se acaden as elevadas concentracións que teñen lugar noutros territorios da península ibérica". Porén, os seus niveis "aumentaron" en comparanza cos dous anos da pandemia por mor do efecto de veráns "demasiado cálidos", se ben non se alcanzaron os rexistros dos exercicios previos. O último, "o máis quente de, cando menos, os últimos 60 anos".

"O ozono é un contaminante moi complexo que non ten unha fonte humana directa, senón que se forma na superficie terrestre en presenza de radiación solar pola combinación doutros contaminantes denominados precursores, emitidos polo transporte —en especial os vehículos diésel—, as centrais termoeléctricas, certas actividades industriais ou a gandaría intensiva", sinalan.

Este informe toma como referencia os valores recomendados pola Organización Mundial da Saúde (OMS), que dispoñen que o ar contaminado por ozono afectou no que vai de ano "a totalidade da poboación e o territorio galego", coa "única excepción da cidade de Pontevedra", que ten os datos máis positivos do Estado español a respecto desta cuestión.

Tamén melloraron as áreas metropolitanas de Ferrol e Vigo e mais a denominada Zona Sur da Galiza. Pola contra, "de maneira puntual e en niveis moderados", o ozono aumentou en Ourense e nas áreas da Coruña e Santiago de Compostela.

Con todo, apuntan desde Ecoloxistas en Acción, "se se considera o valor obxectivo trienal estabelecido pola normativa, máis laxo que a recomendación da OMS, non habería poboación na Galiza que respirase aire contaminado por ozono por riba do estándar legal no período 2020-2022".

A frecuencia das superacións dos estándares tanto da OMS como do recollido por lei foi "inferior" á dos anos previos á pandemia, con descenso de, respectivamente, 32% e 42% en relación á media das rexistradas entre 2012 e 2019. O pasado ano producíronse 14 superacións dese limiar en Ourense e Vigo e na Zona Norte da Galiza, coincidindo coa vaga de calor de mediados do pasado xullo.

Cambio climático

"A crise climática confírmase como un factor de primeira orde no agravamento dos episodios de mala calidade do aire por ozono troposférico, por causa do incremento das temperaturas, o alongamento progresivo da duración do verán e a redución das precipitacións, a sumar a outros prexuízos ambientais entre os que en 2022 hai que salientar os virulentos incendios forestais", precisan as ecoloxistas.

Así, desde a entidade urxen abordar a contaminación por ozono como un "problema sanitario de primeira orde". Neste senso, apuntan que o Instituto Carlos III de Madrid identificou na Galiza 235 mortes atribuíbeis ás elevadas temperaturas e a maior exposición asociada ao ozono, afectando, especialmente, as crianzas, maiores, mulleres embarazadas e persoas con doenzas cardiorrespiratorias crónicas.

Ecoloxistas en Acción sinala tamén que a información sobre este tipo de contaminación ofrecida pola Xunta da Galiza é "inadecuada", pois, durante o episodio de "moi elevada contaminación" experimentado en xullo en Vigo e a Zona Norte, o Goberno galego "limitouse a difundir avisos informativos rutineiros", e no que afectou Ourense "nin a Xunta nin o Concello advertiron a poboación". Aliás, a organización apunta que o protocolo da Administración fronter a episodios de alta contaminación "non prevé medidas específicas para este contaminante".

"As principais vías de actuación para reducirmos a contaminación do aire por ozono son a diminución do tráfico motorizado, a adopción das mellores técnicas industriais dispoñíbeis, a substitución dos disolventes orgánicos por auga, a redución do consumo enerxético e a substitución da enerxía fósil por renovábel, sendo urxente neste sentido fechar totalmente a central de carbón das Pontes", defenden.

As ecoloxistas cren tamén preciso crear unha "área de control de emisións" no Oceano Atlántico como a existente no Mar do Norte, reducir o tráfico aéreo, penalizar fiscalmente os vehículos diésel e unha moratoria para as grandes explotacións gandeiras intensivas.

Tamén cumpriría fixar as zonas de baixas emisións nas cidades: "A dous meses de que finalice o prazo para que todas as cidades de máis de 50.000 habitantes estabelezan zonas de baixas emisións para mellorar a calidade do aire e mitigar a mudanza climática, Ecoloxistas en Acción pide aos alcaldes que prioricen a saúde da veciñanza sobre cálculos electorais pouco xustificados".