Contactos entre Xunta e Lisboa para avaliar o traslado de pacientes Covid do norte de Portugal a Vigo

Hospital Álvaro Cunqueiro
Núñez Feixoo indica que nos vindeiros días haberá novidades.

A Xunta mantivo contacto co Goberno de Portugal para analizar a posibilidade de ofrecer recursos de atención sanitaria a pacientes lusos con Covid-19 e confirmou que hai "habilitado espazo, camas e recursos" para o posible traslado de enfermos do norte de Portugal ao Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo.

Así o trasladou Núñez Feixoo, en resposta a preguntas dos medios durante unha visita ao dispositivo de cribado instalado no Instituto Feiral de Vigo (Ifevi).

Feixoo informou que, "desde o primeiro momento", o Goberno galego estivo disposto a responder a unha eventual petición de axuda por parte do Goberno luso. Respecto diso, explicou que, após coñecer a oferta de países como Austria ou Alemaña para acoller a pacientes portugueses con Covid, el mesmo contactou co embaixador luso en Madrid para pórse á súa "disposición" en caso de que o país veciño necesite esa axuda.

Segundo confirmou, xa houbo contacto tamén entre as autoridades sanitarias portuguesas e a Consellería de Sanidade, e está previsto que, en próximas "horas ou días", Portugal lle comunique a Galiza as necesidades concretas de recursos. "Cando se concrete o que necesitan, responderemos de forma inmediata, diremos o número de camas e profesionais que pomos a disposición", afirmou.