Conta atrás para un setembro contrarreloxo

Os centros deberán adaptar os espazos para a volta do alumnado en setembro. (Arxina)
A Xunta apurou as derradeiras 48 horas antes do parón do verán anunciar a incorporación de profesorado "de apoio" de cara ao vindeiro curso escolar e publicar as novas pautas educativas que terán que asumir os centros de ensino. Chove sobre mollado. Á acumulación de tarefas que recae sobre os equipos directivos e docentes (curriculares, organizativas, burocráticas e sanitarias) únese a falta de tempo, xa que todas as medidas deberán implementarse contrarreloxo na primeira metade de setembro, antes da chegada do alumnado o día 10.  
 

A conselleira en funcións de Educación, Carmen Pomar, chamou onte á colaboración de "todas as Administracións e organizacións" educativas para o inicio dun curso escolar "complexo e diferente", para o que reivindica, salvo necesidades sanitarias, a presencialidade como mecanismo corrector de "diferenzas que poden vir por causas sociais ou económicas" entre o alumnado. 

O chamado chega despois da aprobación unilateral por parte da Xunta do protocolo para a adaptación da volta ás aulas ao novo contexto sanitario, remitido aos centros hai unha semana, e da publicación, esta quinta feira, da instrución coas medidas educativas para o novo curso académico, tamén sen interlocución previa co conxunto da comunidade educativa e feita pública sobre a campá, a poucas horas do parón de agosto. 

"Todo está preparado", salientaba onte a responsábel de Educación, o mesmo día no que a Xunta facía pública a convocatoria dos contratos-programa cos que, a través de diferentes modalidades, prevé aumentar os cadros docentes neste curso con 543 profesionais de apoio –221 para Primaria e 322 para ESO–, facendo uso dun recurso concibido inicialmente para reforzar competencias fóra do horario lectivo, e que agora se modula "en resposta ás necesidades de reforzo derivadas da suspensión das clases presenciais nos últimos meses do curso que vén de rematar".

A resposta dos colectivos docentes, disconformes coas formas, co fondo e cos tempos da planificación da Consellaría, reafirma a argumentación que nas últimas semanas levou os catro sindicatos presentes na mesa sectorial de ensino –CIG, CCOO, ANPE e UXT– a convocar protestas contra o protocolo da Xunta, que secundaron, xunto co profesorado, asociacións de nais e pais e outras plataformas vinculadas á educación, en reclamación de contratacións estruturais que permitan reducir o número de estudantes por aula e ampliar desta maneira o distanciamento social.

Para o profesorado, as directrices que chegan desde a Consellaría seguen a cargar os equipos directivos e o profesorado con novas tarefas burocráticas e organizativas que, aínda sendo necesarias, competen á Xunta, que chegan ademais sen dotación económica para implementalas e sen deixar tempo ao persoal dos centros de ensino, que hoxe comezan as súas vacacións, a poñelas en marcha.

Como fai notar o colectivo docente Profesorado en pé, a instrución víñase publicando en anos anteriores un mes antes, "o que semella algo deliberado e que, tendo en conta que agosto non é lectivo, implicará unha considerábel redución do tempo dispoñíbel para planificar e organizar un curso xa de por si complexo, ademais dunha disposición arbitraria do tempo e dos medios do persoal docente para poder cumprir coas normas". "É imposíbel aplicar con rigor o protocolo para previr o contaxio da Covid-19 nas aulas, cumprir con toda a burocracia que impoñen as instrucións e garantir unha educación de calidade", resume a plataforma.

Planificación sen garantías

Da mesma opinión son os sindicatos. "Aos traballos incluídos no protocolo que se lle encomendan ás equipas directivas, que xa por si son inasumíbeis se se queren facer con rigor e o tempo necesario, agora as instrucións inclúen aínda máis cometidos para un inicio de curso deseñado por cargos políticos que demostran vivir de costas á realidade da xestión dos centros", advirte a CIG, que ve nas últimas medidas unha nova "evasión de responsabilidades da Administración educativa".

O sindicato nacionalista alude, a modo de exemplo, ás adaptacións didácticas que se recollen na instrución para os posíbeis escenarios de presencialidade, semipresencialidade ou educación a distancia, sen que ningún dos documentos emitidos desde a Xunta recolla "ningún compromiso para que tanto profesorado como alumnado teñan garantido o acceso á teledocencia –medios proporcionados pola Consellaría, garantías de conectividade...–". "O que se lle pide ao profesorado é que faga unha adaptación das programacións didácticas sen saber se van poder levarse á práctica", critica a organización.

Esta adaptación non é, como pon de relevo a secretaria xeral de CCOO-Ensino, Luz López, a única encomenda que pasa a engrosar a xa "sobrecargada" lista de tarefas dos equipos docentes á súa volta en setembro. "En tan só sete días, antes da incorporación do alumnado, o equipo directivo deberá preparar o programa de acollida –incluído na instrución–, os accesos do alumnado ao centro, os espazos, a sinalización, a dotación de material hixiénico e sanitario, a supervisión da limpeza… No mesmo período, o profesorado ten que realizar as programacións didácticas a partir da avaliación inicial, tendo en conta as aprendizaxes non adquiridas no pasado curso e contemplando os posíbeis escenarios en función da situación sanitaria, todo sen o apoio da Administración educativa e sen ningunha medida que garanta o acceso á teledocencia", advirte, facendo unha crítica compartida sobre a extemporaneidade da instrución e a delegación de competencias da Consellaría.

Suspensión cautelar

Na mesma liña pronúnciase ANPE, que ve as últimas disposicións "irrealizábeis, inoperativas e antixurídicas", entendendo que o documento vulnera os dereitos laborais dos e das docentes e a normativa sanitaria en relación coa Covid-19. 

Nesa convicción, o sindicato está a estudar a viabilidade legal de pedir a suspensión cautelar da instrución e impugnala tamén na vía xudicial. "A actuación da Consellaría, ademais de vulnerar os dereitos fundamentais de docentes e de alumnado, é contraria a calquera vontade de diálogo, xa que as instrucións foron adoptadas sen pasar previamente pola mesa sectorial de negociación", recrimina a organización, que denuncia que o novo documento incorre nos mesmos erros que o protocolo de adaptación do inicio do curso ao contexto do coronavirus: incumprimento das normativas sanitarias no que ten a ver coas distancias na aula, falta de investimento e traslado das responsabilidades aos equipos docentes e direccións, "a quen se impón a vixilancia do cumprimento de normas sanitarias e administrativas", ademais das curriculares.

[Podes ler a reportaxe íntegra no Nós Diario en papel, á venda a partir da terza feira, día 28, nos quiosques ou na nube]