Conta atrás para a convocatoria dunha greve xeral de mulleres en Galiza

A iniciativa viría sumarse á convocatoria dun paro internacional de mulleres impulsado polas organizacións feministas, como a Marcha Mundial das Mulleres. Foi unha das cuestións analizadas no II Encontro Nacional de Mulleres da CIG.

Unhas 250 delegadas sindicais participaron no III Encontro Nacional das Mulleres da CIG, unha cita na que debater sobre a situación sociolaboral das mulleres, a problemática do acoso e o resto de violencias machistas que se producen no traballo. Ademais, nesta asemblea tratábase a proposta da convocatoria do Paro Internacional de Mulleres.

 

‘Violencia: nin na rúa, nin no traballo, nin na casa’, é o lema escollido pola Secretaría das Mulleres da CIG para a campaña que vai desenvolver co gallo da conmemoración do Día internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres. O sindicato  propón unha batería de medidas para actuar no ámbito educativo, sanitario, político, xudicial e laboral, co obxectivo de identificar e eliminar as causas estruturais da violencia contra as mulleres, e promover relacións de respecto e igualdade desde idades temperás.

 

Algunhas das propostas refírense á necesidade de que as empresas conten cun Protocolo de atención para traballadoras vítimas violencia de xénero; ou negociar protocolos de prevención e actuación en materia de acoso sexual, laboral e por razón de xénero en todas as empresas e administracións.

 

Para a secretaria nacional, Marga Corral  “o vindeiro 25 de novembro comeza unha conta atrás que culminará o 8 de marzo coa convocatoria dunha folga xeral de mulleres en Galiza”. A iniciativa viría sumarse á convocatoria dun paro internacional de mulleres impulsado polas organizacións feministas, como a Marcha Mundial das Mulleres, da que a CIG forma parte, co obxectivo de rexeitar, de xeito activo, todos os tipos de agresións contra as mulleres.