O consumo de tabaco na mocidade menor de 16 anos duplicouse na última década

O consumo de tabaco é superior nas rapazas de entre 13 e 15 anos, sendo fumadora unha de cada catro, que nos rapaces. (Foto: Europa Press)
Aumentan en 135% as mortes por cancro de pulmón nas mulleres.

A Galiza ten máis de 17.600 persoas fumadoras por cada 100.000 habitantes, segundo os datos divulgados pola Asociación Española contra o Cancro (AECC). Á vez, o Estado español atópase entre aqueles do mundo no que o consumo de tabaco entre a xuventude é maior. Así o advirte o Grupo Español de Cancro de Pulmón (GECP), a raíz dos datos publicados pola Fundación Tobacco Atlas, que alertan dunha maior incidencia entre as rapazas sendo unha de cada catro adolescentes fumadoras. Nesta liña os datos do GECP din que 25% das rapazas de entre 13 e 15 anos consome tabaco fronte 24,7% de mulleres adultas. 

O xefe da unidade de Pneumoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, Adolfo Baloira, mostra a Nós Diario a súa preocupación ao respecto indicando que o Estado español atópase “á cabeza de Europa” en canto ao consumo de tabaco na mocidade. Nesta liña, Baloira sostén que “calculamos que os datos na Galiza son os mesmos”, a pesar de que non haxa cifras estritas, unha afirmación que confirma a Nós Diario o profesor titular de Medicina Preventiva e Saúde Pública na USC, Alberto Ruano. “As taxas galegas son moi similares ás do Estado, quizais podería variar arredor de 2%, pero o importante é coñecer que unha cuarta parte das adolescentes menores de 16 anos está fumando” e que neste grupo de idade “unha de cada nove fuma todos os días”, sostén Baloira.

“Unha de cada nove rapazas adolescentes fuma todos os días”

Todo isto provoca que na última década as mortes por cancro de pulmón aumentaran 134% entre a poboación feminina, segundo os datos de GECP. “Estímase que este ano serán diagnosticados no Estado español arredor de 31.000 novos cancros de pulmón”, sendo a enfermidade que máis mortes provoca. “Estamos observando máis cancros de pulmón en mulleres que en varóns, principalmente na tipoloxía adenocarcinoma”, indica Baloira. Ruano engade que en cuestión dun par de anos o cancro de pulmón provocará máis mortes entre as mulleres que o de mama.

Se ben a cifra descende entre os mozos varóns, que só presenta 18% de fumadores, Baloira considera “moi preocupante” esta situación. Mentres que “conseguimos baixar a taxa de tabaquismo entre as persoas adultas, que se atopa arredor de 20%, cada vez máis rapazada comeza a fumar mesmo en idade case infantil”.

O proceso de redución do consumo de tabaco entre a poboación nas últimas décadas resultou moi relevante, principalmente grazas á imposibilidade de fumar en lugares públicos, medida que resultou “moi beneficiosa”. “Ao comezo tivo un efecto intenso pero despois foise perdendo e volveu a verse como unha moda entre a xuventude”, explica Baloira.

O impacto das redes sociais

As influencias do grupo, o desexo de parecer maior ou o baixo custo do tabaco poderían xustificar o aumento do tabaquismo entre a xuventude; mais o neumólogo sinala as redes sociais como principal factor. Na última década a incidencia do consumo de tabaco na adolescencia duplicouse, indica Baloira, a raíz da “explosión das redes sociais, sobre todo Instagram”. As perspectivas de futuro de Baloira non resultan moi positivas, pois indica que “a curto prazo [estas cifras] poderían aumentar”. Así, recomenda que as campañas antitabaco conten con figuras recoñecidas na Internet para que inflúan na mocidade.

Unha cuarta parte das mozas de entre 13 e 15 anos son fumadoras

A incidencia do consumo de tabaco entre a xuventude é superior nas mozas que nos mozos, cunha cuarta parte de fumadoras entre adolescentes menores de 16 anos. Adolfo Baloira opina que esta situación podería deberse ao desenvolvemento mental precoz que experimentan as rapazas en comparación cos varóns. Porén, “vemos que a cifra mantense superior en mulleres de maior idade en relación cos homes”.

Así, o neurólogo tamén indica que o feito de fumar podería ser “unha forma de reivindicarse” das mulleres novas e de manter a igualdade entre xéneros nunha acción tradicionalmente considerada masculina. “Estas cuestións na adolescencia poden ser moi importantes”, sinala. As mortes por cancro de pulmón na poboación feminina medran a ritmos de 5% de forma anual, aumentando 134% na última década.