Consumo incoa 1.414 sancións por 13 millóns de euros en 2022, a gran maioría relacionadas co sector enerxético

En 2022 houbo un significativo crecemento das queixas relacionadas co sector enerxético. (Foto: Europa Press)
Durante 2022, Consumo atendeu 44.532 consultas, o que supón un incremento de 11%.

O Instituto Galego do Consumo e da Competencia abriu un total de 1.414 expedientes sancionadores en 2022, o que se traduce nun incremento de 43% en comparanza co ano precedente, por importe de 13,3 millóns de euros, case o dobre que os 6,8 millóns de 2021.

Diso informou esta sexta feira o director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, na súa comparecencia na comisión de Industria do Parlamento. Entre estes expedientes, cinco millóns de euros das sancións correspóndense co sector enerxético.

Inmediatamente despois aparecen o sector financeiro (3,2 millóns), saúde e estética (un millón), industrias de manufacturas (727.000 euros), telecomunicacións (medio millón) e automoción (256.000 euros).

Durante 2022, Consumo atendeu 44.532 consultas, o que supón un incremento de 11%. Aquí, Heredia destaca o significativo crecemento das relacionadas co sector enerxético (+149%). Namentres, as reclamacións tramitadas polo Instituto Galego do Consumo foron un total de 23.210 en 2022, o que se traduce nun aumento de 25%.

Axudas

Por outra parte, Heredia fixo balance do labor do seu departamento, entre o que destaca os 30 millóns —entre 2021 e 2022— destinados a 13.660 axudas no sector, o que permitiu investimentos e vendas por uns 70 millóns de euros.

Así, a Galiza conta cuns 33.200 estabelecementos de comercio, a gran maioría de autónomos e micrompresas. O departamento de Comercio destina 24 millóns este ano a cuestións como a transformación dixital, crear un 'hub' en innovación comercial e artesanal, así como impulsar a formación.

Entre outras cuestións, subliñou os resultados do Bono Activa Comercio, con 6.700 locais adheridos, que deu lugar a vendas por 16,3 millóns nunha campaña na que participaron 166.000 galegos e galegas.

Aliás, na primavera lanzarase a segunda convocatoria do programa de axudas do fondo tecnolóxico, cun importe de 2,9 millóns. O ano pasado lanzouse unha primeira convocatoria por 2,7 millóns, que contou con 367 axudas solicitadas.

"Extinción" do sector

Durante o debate desta comparecencia, no que a deputada Sandra Vázquez (PP) defendeu o traballo deste departamento, a socialista Leticia Gallego alertou de que o comercio de proximidade "non ten futuro como vostedes [o PP] sigan con esta política". "Vai desaparecer na Galiza", alertou, cunha "extinción máis acelerada" en pequenos e medianos municipios. A parlamentaria sinalou que en 2022 fecharon 1.500 comercios no conxunto do país e considerou "insuficientes" as axudas da Xunta. "O sector do comercio de proximidade está na UCI", sentenciou.

A continuación, Carme González Iglesias (BNG) expuxo que en 2009 a dirección xeral de Comercio contaba con 35 millóns de euros, pero esa cantidade é agora dez millóns inferior. Así, a deputada nacionalista ve "moi preocupante" a "sangría" do tecido comercial galego, con 8.000 negocios menos nos últimos anos. A isto súmase que nos próximos catro anos xubilaranse 50.000 autónomos.