Saúde

Consumo retira este lote de galletas sen glute por conter burundanga e atropina

As galletas de Gerblé cun lote retirado do mercado. (Foto: Europa Press)
Trátase dun dos alimentos producidos en Francia pola marca Gerblé. O lote afectado distribuíuse por todo o Estado español.

A Axencia Española de Seguridade Alimentaria e Nutrición (AESAN) foi informada polas autoridades sanitarias de Catalunya, a través do Sistema Coordinado de Intercambio Rápido de Información (SCIRI), da presenza de dúas substancias alcaloides habitualmente empregadas en fármacos, a atropina e a escopolamina, coñecida tamén como burundanga, en galletas con pebidas de chocolate sen glute da marca Gerblé, procedentes de Francia.

O lote contaminado é o 51914913 con data de caducidade do 20 de setembro de 2023, e distribuíuse por todo o Estado español, segundo notificou a compañía ás autoridades competentes, en cumprimento da lexislación e a fin de non pór ao dispor da poboación alimentos non seguros. Así, recomendan ás persoas que teñan no seu domicilio os produtos incluídos nesta alerta que se absteñan de consumilos e os boten ao lixo.

A escopolamina ou burundanga, ao ser absorbida polo organismo, ocasiona un estado de somnolencia ou sono profundo, que vai precedido frecuentemente dun estado de pasividade que chega a asemellarse á inconsciencia.

Ten diversos usos, desde previr as náuseas e os vómitos causados por mareos por movemento ou por medicamentos utilizados durante algunha cirurxía, até reducir a salivación e o exceso de secreciones bronquiais antes dunha cirurxía. Malia que o seu uso máis coñecido, porén, é o da submisión química con fins delituosos.

Pola súa parte, a atropina é un fármaco que se usa para a falta de contracción do corazón, inducir a anestesia xeral, as bradicardias, os espasmos gastrointetinal; a síndrome de intestino irritábel, como coadxuvante en radiografía gastrointestinal ou como antídoto de inhibidores de colinesterasa.

As doses recomendadas dependen da persoa doente e da patoloxía a tratar, e, en calquera caso, calquera destas dúas substancias non deben ser consumidas sen a correspondente receita médica previa.