Gráficos interactivos

Un de cada tres galegos e galegas consumiu cannabis algunha vez, comezando, de media, aos 18,5 anos

O consumo de cannabis é máis frecuente entre os homes. (Foto: Nós Diario)
O uso deste psicoactivo é cada vez máis precoz e os homes consomen máis que as mulleres.

Tres de cada dez mozos e mozas consumiron cannabis, cando menos, unha vez na vida. Así se desprende da Monografía do cannabis 2022. Consumo e consecuencias, un informe que o Ministerio de Sanidade vén de actualizar o pasado mes de setembro.

O documento chama a atención sobre a prevalencia desta substancia entre as persoas máis novas, pois até 28,9% mozos e mozas de entre 14 e 18 anos probárona nalgún momento, un rexistro tres décimas superior á media do Estado español (28,6%). Este mesmo estudo evidencia que os homes son máis propensos a consumir cannabis (32,3% dos galegos) que as mulleres (25,3%).

No que atinxe ao uso habitual deste psicoactivo, de media case unha de cada catro persoas mozas (23,7%) consumírono nos doce meses anteriores á realización da enquisa —que contou na Galiza cunha mostra de 1.244 persoas—, con 27% dos homes por volta de 20,4% das mulleres do país. A nivel estatal, 22,2% dos mozos e mozas botaron man desta substancia no último ano.

Con todo, se ben o consumo de cannabis ten unha elevada incidencia entre a mocidade, este increméntase conforme avanza a idade das persoas enquisadas: 32,3% da poboación galega de entre 15 e 64 anos de idade probouno algunha vez na vida, e até 8% fíxoo nos últimos doce meses. A cifra é inferior á que reflicte o conxunto do Estado: 37,5% de persoas no primeiro caso e 10,5% no segundo.

A nivel global no conxunto da sociedade galega, 40,7% dos homes consumiron o psicoactivo cando menos unha vez, mentres no caso das mulleres a porcentaxe redúcese a 23,9%, sendo este un dos rexistros máis baixos entre os territorios do Estado español.

Outro dato salientábel deste informe é a idade media de inicio no consumo de cannabis —contando o conxunto da poboación desde os 15 aos 64 anos—, que na Galiza é levemente superior aos 18,5 anos a nivel estatal, con 18,6 anos. Canarias (17,5) é o territorio máis precoz neste asunto, mentres o consumo é máis tardío na Rioxa (19,1).

Mais o documento pon o foco en que cada vez é máis temperán o uso do cannabis, polo que a idade media de inicio de consumo entre as persoas que no momento da enquisa (2021) tiñan entre 14 e 18 anos é de 14,9 anos a nivel estatal, unha cifra practicamente sen variacións nas últimas tres décadas.

O dato desglosado por territorios, porén, non se ofrece, se ben, tendo en conta o resto da estatísticas, será previsibelmente moi semellante. Aliás, e tamén valorando os datos estatais, 2,9% da poboación consume cannabis a diario.

"Malia que o consumo adoita ser experimental, algúns consumidores presentan un patrón de consumo problemático"

Con base nestes rexistros, o Monográfico conclúe que o cannabis é, "con diferenza, a droga ilegal máis consumida pola poboación do Estado español en todas as idades", nomeadamente como marihuana ou haxix, ao que cómpre engadir o xurdimento dunha "gran variedade en Europa de produtos cannábicos".

"Malia que o seu consumo adoita ser experimental, normalmente concentrado nun período curto ao final da adolescencia ou o inicio da idade adulta, algúns consumidores presentan un patrón de consumo problemático, chegando a ter que iniciar tratamento para o abuso ou a dependencia desta substancia", engade o documento.