O consumo de antidepresivos triplicouse desde 2008

O director xeral de Asistencia Sanitaria, Jorge Aboal, cifrou en 3 millóns o número de envases consumidos no país en 2015. Os ansiolíticos aumentaron o 15,74% no mesmo período.

Na Galiza consumíronse no ano 2015 por volta de 3 millóns de envases de antidepresivos. A cifra en 2008, cando estourou a crise económica, era de 2 millóns 300 mil caixas polo que o incremento nestes anos sitúase no 30,88%. 

As cifras foron fornecidas polo director xeral de Asistencia Sanitaria, Jorge Aboal, na Comisión 5ª de Sanidade en resposta a unha pregunta formulada pola deputada do Grupo Mixto, Chelo Martínez, que requeriu información a respeito das políticas de prevención e tratamento das condutas suicidas no noso país após coñecérense os dados correspondentes ao 2015 nos que a cifra de mortes por suicidio duplicaron a de vítimas de accidente de tráfico. 

Porén, Galiza non é unha excepción. Segundo un estudo publicado pola OCDE en 2013 o consumo destes medicamentos multiplicouse máis que por dous no conxunto do Estado español entre 2000 e 2011 situándose en 64 doses por cada mil habitantes mentres que a media do conxunto dos territorios que compoñen a organización internacional é de 56. 

Os dados tamén foron recollidos pola Axencia española de medicamentos e produtos sanitarios (AEMPS) que sitúa o consumo de doses por cada mil habitantes e día en 26,5 en 2000 e en 79,5 en 2013. 

No Estado español e Portugal a prescrición destas substancias duplicouse entre 2007 e 2011

Segundo o informe da OCDE, a tendencia á alza na prescrición destes tratamentos tamén se reproduce en Portugal sendo que durante os anos 2007 e 2011 aumentou o 20%. 

Neste senso, a propia OCDE sitúa a sensación de inseguridade provocada pola crise económica entre as variábeis que explican este incremento, embora o maior aumento no conxunto da UE se sitúe en Alemaña onde na década analizada o consumo de antidepresivos medrou o 46%

Entre as razóns deste incremento sitúase o feito de que estes fármacos pasaron nos últimos anos a ser suministrados directamente desde Atención Primaria fronte á realidade anterior que sometía a súa autorización ao criterio de profesionais especialistas en Psiquiatría. Neste senso, sinala a doutora en Psicoloxía, Lola Ferreiro, na reportaxe publicada no semanario número 186, das persoas que reciben estes fármacos "o 80% son mulleres". 

Lola Ferreiro: "Hai unha tendencia a substituír outras abordaxes terapéuticas através destes fármacos"

"Hai unha tendencia por substituír outras abordaxes terapéuticas" através do suministro deste tipo de medicacións, en boa medida, di, pola "presión asistencial que é enorme en Atención Primaria" como resultado dos "recortes" levados a cabo nos últimos anos. Isto tradúcese, apunta, nun "proceso de dehumanización da práctica clínica" pola falta, entre outros, de recursos humanos suficientes para prestar unha atención máis personalizada das persoas que acuden aos centros médicos.